Santiago, 28 de xuño de 2022.- A deputada do Grupo Popular Rosalía López salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta destinará este ano “a cifra récord de 430 millóns de euros para a atención á dependencia” e apuntou que no último ano reduciuse un 28 por cento o tempo que unha persoa agarda por unha valoración da súa situación de dependencia.
A pesar destes datos, lamentou que “o Goberno central siga sen cumprir a súa obriga de financiar ao 50 por cento a atención á dependencia, como o recolle a propia lei ou o acordo de investidura asinado polo PSOE e o BNG, o que supón que Galicia deixe de ingresar 150 millóns de euros cada ano”.
Rosalía López lembrou que a Xunta vén de reforzar o persoal dos equipos de valoración, ao incrementar en 36 os terapeutas, médicos, psicólogos e traballadores sociais logo dun investimento de 1,3 millóns de euros. Así mesmo, no que vai do presente ano 2022, incrementáronse un 31 por cento o número de valoracións de grao con respecto a 2021, ao tempo que se aumentaron un 32,6 por cento as asignacións do programade atención individual.
“Neste momento, o Goberno galego está a traballar no novo decreto de dependencia, que permitirá seguir reducindo o tempo medio de atención mediante a axilización, simplificación e ordenamento do procedemento”, apuntou.
95% DE DEPEDENTES CON SERVIZO ADAPTADO
A deputada popular insistiu que, segundo os datos publicados polo Imserso, actualmente en Galicia existen 69.000 persoas cunha situación de dependencia recoñecida, das que 66.000 reciben algún servizo ou prestación, fronte ás 14.000 que o recibían en 2009. “Isto supón que neste momento o 95 por cento das persoas con dereito a unha prestación en Galicia están a recibir algún tipo de servizo adaptado á súa situación, unha cifra que a sitúa como unha das comunidades autónomas con maior ratio de atención ás persoas cunha situación de dependencia recoñecida”, concretou.
Respecto ao cumprimento da lei, Rosalía López criticou que o Goberno central “estea a investir xusto a metade do que debería, é dicir, un 25 por cento fronte ao 50 por cento estipulado pola lei en materia de dependencia e como se recolle no acordo de investidura asinado por PSOE e BNG”.
“Pero é que, ademais, o Ministerio de Dereitos Sociais deixou sen executar 76 millóns de euros do seu orzamento par atención á dependencia, unha contía que permitiría ter atendido a 13.000 novas persoas de toda España”, lamentou a deputada popular.