Santiago, 12 de xullo de 2022.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “aspiramos ao máximo teito competencial, polo que contemplamos a transferencia en materia de inspección de traballo, pero na defensa dos intereses dos galegos non imos adoptar ningunha competencia que non veña dotada do financiamento necesario, ademais de que nestes momentos hai competencias pendentes prioritarias para o noso país: a AP-9 ou a xestión do litoral”.
No debate dunha moción do BNG sobre a sinistralidade laboral, Noelia Pérez manifestou que “nos presentan cinco propostas para dicir que o Goberno galego siga a traballar na liña na que xa o ven facendo, porque o que os nacionalistas piden está moi por detrás do que xa está en vigor neste momento en Galicia”.
PLANIFICACIÓN CONSENSUADA
Así, concretou que “en Galicia xa contamos cunha planificación de actuacións deseñadas e consensuadas cos axentes sociais, que recolle medidas e accións para incidir tanto na mellora da xestión preventiva como na redución da sinistralidade laboral”. Neste punto, referiuse á Estratexia galega de seguridade e saúde laboral, dos sucesivos plans anuais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral ou do grupo de traballo técnico e participado cos axentes sociais sobre a sinistralidade laboral que botou a andar en 2020.
“Hai mes e medio que a conselleira de Emprego anunciou que se ía deseñar unha nova Estratexia galega de seguridade e saúde laboral para dar resposta aos riscos existentes e emerxentes en Galicia, pero parece que o BNG non se deu por enterado e ven hoxe a reclamar o impulso desta estratexia”, sinalou.
Por último, respecto da solicitude de transferencia de recursos e competencias en materia de inspección de traballo, Noelia Pérez asegurou que “queremos avanzar na defensa do autogoberno, pero de acordo a un plan ordenado”. Así, lembrou que “non imos aceptar ningunha competencia que non veña dotada do financiamento necesario” e incidiu que “nestes momentos hai competencias pendentes prioritarias, como son a da AP-9 ou a de xestión do litoral”.