Santiago, 12 de xullo de 2022.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia, segundo os datos do propio Ministerio de Sanidade, “é a segunda comunidade autónoma con mellor ratio de facultativos de medicina interna por cada 100.000 habitantes” e insistiu na demanda ao Goberno central para que “tome as medidas necesarias para que o sistema de solicitude de acreditacións de prazas estea aberto de forma permanente e non unicamente en períodos curtos de tempo”.
No debate dunha moción do PSdeG sobre os servizos de medicina interna, Encarna Amigo saudou que os socialistas “por fin recoñeceran a necesidade de máis prazas de formación” e lembrou que “o proceso de acreditación correspóndelle ao Ministerio de Sanidade, a proposta da Comisión de recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde”.
CONVOCATORIA XA PLANEADA POLA XUNTA
“Como non imos a estar a favor dunha convocatoria extraordinaria de prazas estables para facultativos en medicina interna, que permita cubrir as necesidades máis urxentes de persoal de cada área sanitaria, se esta convocatoria xa estaba planeada pola Xunta”, subliñou a portavoz popular.
Neste sentido, explicou que o conselleiro de Sanidade acordou cos xefes de servizo de medicina interna retrasar a resolución das ofertas públicas de emprego e do concurso de traslados ata despois do verán para non alterar as súas plantillas, ao tempo que se comprometeu á cobertura completa de todas as vacantes de medicina interna e facer o chamamento e a contratación dos profesionais sanitarios de maneira centralizada, porque permitirá coñecer e coordinar de maneira máis eficaz as distintas vacantes dos hospitais para así cubrilas mellor.
Encarna Amigo especificou que a Xunta ofertou nos últimos anos 72 prazas de medicina interna, ademais doutras 36 prazas nunha OPE extraordinaria para consolidación de emprego. “Segundo os datos oficiais do informe Oferta-Necesidade de especialistas médicos 2021-2035 do Ministerio de Sanidade, a media de internistas por 100.000 habitantes en Galicia é de 14,5 profesionais, fronte aos 11,8 de media en España, co que o Servizo Galego de Saúde atópase por riba da media nacional no que respecta ao número de facultativos en medicina interna”, explicou.
Respecto da cobertura de prazas nos hospitais comarcais, a portavoz de Sanidade afirmou que “xa se levaron a cabo medidas de discriminación positiva, polo que a Consellería xa foi un paso por diante no proceso de facer máis atractivas as prazas destes hospitais e favorecer así a súa cobertura”.