Agarda que na reunión entre Pedro Sánchez e Alfonso Rueda “se pase das palabras aos feitos” e que o Executivo central comprometa os fondos europeos para proxectos estratéxicos dentro do ámbito industrial
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, demandou ao Goberno central “concreción e certezas” no reparto dos fondos europeos e amosou a súa preocupación pola falta de axilidade, de flexibilidade e de cogobernanza coas Comunidades que está demostrando o Executivo de Pedro Sánchez á hora de xestionar estes fondos.
Así o expresaba durante unha visita ás instalacións da empresa Delta Vigo previa á constitución da Comisión de Economía e Industria e na que estivo acompañada pola presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias. Alí, Prado admitiu que agarda que na reunión do vindeiro 28 de xullo entre Pedro Sánchez e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “se pase das palabras aos feitos” e o Executivo central comprometa os fondos europeos para proxectos estratéxicos dentro do ámbito industrial.
“Mentres o Goberno de España non aporta solucións reais, o Goberno de Galicia adopta medidas para impulsar sectores estratéxicos”, subliñou poñendo en valor o compromiso da Xunta coa axilización administrativa, que está permitindo impulsar a tramitación dunha vintena de proxectos que suman 2.700 millóns de euros. Igualmente, fronte ao caos enerxético, o Goberno galego está a tramitar os primeiros proxectos industriais estratéxicos e tamén proxectos tractores como o de Altri en Palas de Rei; e, á volta do verán, sairá adiante a nova Lei de áreas empresariais de Galicia.
“Non podemos consentir a desconexión do Goberno central”, dixo lamentando as continuas contradicións do Executivo de Sánchez. Nese senso, lembrou a que supón acelerar a transición enerxética para ter que dar pasos atrás e reactivar As Pontes ou a de botar balóns fóra coa suba do prezo da luz e do prezo do combustible sen artellar medidas válidas para axudar á industria electrointensiva ou aos transportistas.
UN LABORATORIO DE IDEAS PARA ACHEGAR SOLUCIÓNS
Sobre a Comisión de Economía e Industria dos populares galegos —que está presidida pola Coordinadora de Industria e Empresa, Marta Nóvoa, e integrada por membros do partido e representantes do sector industrial e empresarial— a secretaria xeral destacou que achegará propostas para solucionar os problemas do noso tecido industrial ante un Goberno central “contraditorio” e que está “desconectado da realidade”.
Prado resaltou o importante papel da Comisión, definíndoa como un necesario “laboratorio de ideas” nos momentos de incertezas que se viven en Galicia e en España. De feito, incidiu en que a nosa Comunidade precisa unha política enerxética que aporte solucións á industria, pois “non nos atopamos ante unha crise industrial, senón ante unha crise enerxética onde as empresas se atopan sen solucións”.
A AUTOMOCIÓN, UN SECTOR CLAVE EN VIGO
Pola súa parte, Marta Fernádez-Tapias tamén expresou a necesidade de contar con “certezas e concreción” por parte do Goberno central no reparto de fondos europeos e poder así “seguir crecendo”.
Concretamente, pediu máis compromiso por parte da Administración central co sector da automoción, “clave” en Vigo, e que tamén segue precisando da rede de moi alta tensión que o Goberno eliminou da planificación da Rede Eléctrica Española.
Así mesmo, apuntou que empresas como Delta Vigo, que este ano celebra o seu 75 aniversario sendo líder no eido aeroespacial e na automoción, necesitan saber con cantos fondos europeos poderán contar e cando chegarán.