Miguel Lorenzo e Miguel Ángel Viso reclaman que se aplique a bonificación anunciada por Sánchez, que prometeu a gratuidade dos billetes multiviaxes en Cercanías e Media Distancia entre o 1 de setembro e o 31 de decembro
O PPdeG pediu ao Goberno central que non discrimine aos usuarios do tren entre A Coruña, Santiago e Ourense. Fíxoo a través dunha iniciativa rexistrada na Mesa da Cámara Alta polos senadores galegos Miguel Lorenzo e Miguel Ángel Viso na que preguntan ao Executivo de Pedro Sánchez se pensa rectificar e incluír o traxecto ferroviario que une estas tres cidades entre os que resultan favorecidos pola bonificación do 100% para abonados anunciada polo Goberno socialista.
Cómpre lembrar que Sánchez prometeu a gratuidade de todos os billetes multiviaxes en trens de Cercanías e Media Distancia entre o 1 de setembro e o 31 de decembro deste ano como unha medida para loitar contra o impacto económico da guerra en Ucraína.
Os populares lamentan que, malia que o socialista asegurou que se ía “deixar a pel para defender á clase media traballadora do país”, constatouse co paso dos días que o servizo ferroviario Avant que conecta A Coruña, Santiago e Ourense —empregado por centenares de traballadores que se desprazan entre esas cidades a diario— queda excluído do desconto.
Os senadores sinalan que estamos ante unha “nova e evidente discriminación”, que só profunda nas desigualdades en materia de mobilidade entre a Galicia atlántica e a Galicia interior. Do mesmo xeito, recordan que os trens Avant non bonificados son os que pagan prezos máis altos e teñen menos bonos.
Igualmente, reclaman que se volvan poñer en servizo as frecuencias anteriores á pandemia, que Renfe segue sen recuperar provocando unha falta de prazas no tren que impide cubrir a demanda das necesidades de mobilidade dos galegos.
Así, a través das preguntas expostas, os populares buscan que se defina se haberá unha rectificación sobre esta nova discriminación do Goberno ao territorio galego, se se van incluír eses tramos entre os bonificados e se se van repoñer o número de trens que circulaban antes de 2020 para dar cobertura ás necesidades de mobilidade de moitos galegos.