A secretaria xeral participa xunto a Dalia García nunha xuntanza informativa sobre as novas zonas de concentración parcelaria que prevé decretar a Xunta
A secretaria xeral dos populares de Galicia, Paula Prado, exemplificou a aposta de Galicia polo rural a través da reestruturación parcelaria. Fíxoo durante unha xuntanza informativa celebrada en Melide e na que estivo acompañada pola portavoz do PP neste municipio, Dalia García, onde puxo en valor o compromiso da Xunta, que prevé decretar un total de 23 novas zonas de concentración ao longo deste ano 2022, que se sumarían ás cinco zonas decretadas o pasado ano 2021.
Como explicou, as 23 novas zonas suporán a reorganización de 19.394 hectáreas de superficie, distribuídas en 99.340 parcelas propiedade de case 14.000 veciños. Seis destes procesos sitúanse na provincia da Coruña e, no caso concreto de Melide, decretaranse nas zonas de Baltar, Grobas e Golán, mentres, na área de Santiago esta medida tamén beneficiará a Boqueixón, Padrón, Santa Comba, Tordoia e Touro.
Logo de lembrar que o Goberno galego destina este ano un orzamento de 12 millóns de euros e a cifra xa acada os 118 millóns de euros desde o 2009, destacou tamén o compromiso do seu partido co rural, pois cómpre salientar que o PPdeG é o primeiro que traballa contra o abandono das terras, o que adapta a súa lexislación ás necesidades actuais da Comunidade e o que pon todas as facilidades posibles para mudarse o rural.
ACABAR CO DESGOBERNO DE MELIDE
Por último, Prado tamén destacou o labor da portavoz do PP de Melide, Dalia García, que dende a oposición segue traballando polos veciños dun concello que sofre o “desgoberno” dun alcalde que “está instalado no inmobilismo” e que non fai nada polo seu municipio.
“A pesar de non ser alcaldesa ela actúa como tal”, dixo sobre a voceira en Melide, que “sempre está preocupada polos temas importantes do concello”. “Dalia ten todo o apoio do partido para ser a próxima alcaldesa. Estás traballando moito polos teus veciños e estou segura de que eles o van valorar”, sentenciou.