O presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, salientou hoxe que os candidatos do PPdeG nas cidades para as eleccións municipais de 2023 conxugan unha combinación gañadora: “Talento, experiencia, proximidade e a altura de miras de entender que Galicia se constrúe desde cada un dos seus sete motores económicos”.
A case 300 días dos comicios locais, Rueda presidiu esta tarde o Comité de Dirección do PPdeG, onde pediu aos sete candidatos “un traballo intenso que lles ten que levar ao éxito”. “O que queremos é que traballen arreo e saiban que teñen toda a confianza do seu partido para conseguir esa meta, que non é nada sinxela”, sinalou.
O Comité de Dirección referendou as propostas realizadas nos últimos días polos organismos locais, que agora terán que ser formalizadas nos comités electorais nacional e autonómico.
Rueda agradeceulles “a súa disposición e mesmo a súa valentía” a Miguel Lorenzo (A Coruña), Borja Verea (Santiago), José Manuel Rey Varela (Ferrol), Elena Candia (Lugo), Manuel Cabezas (Ourense), Marta Fernández-Tapias (Vigo) e Rafa Domínguez (Pontevedra). “Nunca é sinxelo encabezar unha candidatura e máis coa responsabilidade que supón facelo no Partido Popular de Galicia”, engadiu.
O líder dos populares galegos subliñou que, a partir de agora, “o que lle vai pedir o partido é que traballen os 300 días que quedan, aproveitando todo o tempo e facendo o que saben facer: pisar a rúa, estar en contacto con todos os colectivos e explicar o que queremos facer e por que pedimos a confianza”.
Así mesmo, pediulles aos candidatos que traballen “pensando nas necesidades das súas cidades” onde van ser alcaldes e alcaldesas, pero que tamén o fagan “pensando en Galicia”, que é “unha cidade única en moitos sentidos”
“Precisamos que as sete cidades traballen en rede e tecendo alianzas, sempre tendo claro que cada unha ten as súas necesidades e polo tanto terá as súas propostas”, concluíu.