Santiago, 6 de setembro de 2022- O Grupo Parlamentario Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a solicitar que o Goberno de España estude a posibilidade de habilitar un rexistro centralizado onde poder obter o certificado de titularidade das contas, saldos e posicións bancarias dunha persoa falecida, para unir aos certificados de últimas vontades ou do rexistro de seguros de cobertura de falecemento, existentes na actualidade.
Os deputados populares sinalan que, ademais de enfrontar unha situación de dificultade sentimental, os familiares dos falecidos encaran unha serie de xestións burocráticas e trámites específicos que, aínda que se deron pasos importantes nos últimos tempos, aínda hai algúns aos que se podería dar unha maior axilización.
Nomeadamente, sinalan que, en moitas ocasións, resulta moi complicado coñecer con exactitude as contas bancarias das que era titular a persoa falecida, por descoñecemento dos bancos aos que dirixirse ou porque non aparecen no certificado da Administración Tributaria por non ter rendementos a efectos fiscais, o que dificulta coñecer cantas contas e en que entidades tiña os seus depósitos a persoa falecida.
A deputada popular Felisa Rodríguez Carrera, autora da iniciativa, indica así mesmo que esta dificultade de acceso a información trae aparellados outros problemas para os herdeiros, como a imposibilidade de cumprir as obrigas legais e tributarias (por exemplo, a liquidación do imposto de sucesións) ou a realización incompleta dos procedementos para determinar as persoas con dereitos sucesorios (declaración de herdeiros).
“Coñecer as contas bancarias, saldos e posicións bancarias da persoa falecida, coas precaucións, limitacións e cautelas que esixa a normativa vixente de protección de datos, evitaría tamén cobranzas e pagos non desexados e facilitaría o proceso de aceptación de herdanza, tendo en conta que a persoa herdeira tamén se fai cargo das débedas, así como faría moito máis sinxelas as operacións de partición da herdanza” finaliza a iniciativa parlamentaria popular.