Santiago, 28 de setembro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insiste ao Goberno de España que rexeite os ataques que o sector do arrastre de fondo está a sufrir por parte da Comisión Europea e solicite urxentemente a anulación do novo regulamento europeo polo que se determinan as zonas de pesca en augas fondas e se estableza unha lista de zonas nas que se coñece a existencia de ecosistemas mariños vulnerables ou a posibilidade de que existan, que entrará en vigor a comezos do mes de outubro.
A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, afirmou que “deixar un barco sen posibilidades de pesca é pechar unha empresa”. “Pero nesta ocasión, a iso debemos engadirlle o que supón para a cadea alimentaria, para a cadea mar-industria e para o consumo, porque esta decisión da Comisión Europea dará entrada a peixe de fora en detrimento de Galicia e de España”, sinalou.
ECOLOXISMO RADICAL
“Esta prohibición das artes de fondo en 87 zonas de augas comunitarias estaba planeada e demostra que o Executivo comunitario non revisou nada”, lamentou a portavoz popular, quen criticou a defensa “dun ecoloxismo radical sen coñecer realmente o representa e significa a pesca”.
Teresa Egerique dixo que “esta decisión tomouse a partir dunha argumentación medioambiental insuficiente e dunha análise socioeconómica directamente inexistente”, polo que considerou que “é un enorme desacerto ante o que non podemos estar calados”.
“É imprescindible que o Goberno de Pedro Sánchez se implique coa única vía que ofrece perspectivas de éxito: un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea”, rematou.