Santiago, 30 de setembro de 2022.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, salientou hoxe que o Goberno de España sitúe o financiamento universitario de Galicia como “o modelo a seguir, poñendo de exemplo a conxelación das taxas universitarias desde o ano 2012 e o plan de financiamento do sistema universitario galego, que mobiliza cerca de 3.200 millóns de euros entre os anos 2022 e 2026”.
Ovidio Rodeiro explicou que “mentres as demais universidades españolas pedíronlle un esforzo ás familias, cobrándolles a través das taxas o que lles quitou cada goberno autonómico, en Galicia non se lles pediu este esforzo ás familias porque o que se fixo foi conxelar as taxas de acordo cos reitores e respectáronse as transferencias establecidas no plan de financiamento universitario”.
POLÍTICA DE CONTENCIÓN DE TAXAS
“O feito de conxelar as taxas universitarias desde o ano 2012 e manter o establecido no plan de financiamento universitario foi o que levou ao Goberno de Pedro Sánchez a dicir que Galicia é o modelo a seguir”, sinalou o portavoz popular, quen engadiu que o propio ministro “obrigou a todas as comunidades autónomas a baixas as taxas universitarias ata chegar ao nivel de 2011, como xa ten feito Galicia”.
Máis en concreto, Rodeiro lembrou que a Xunta practica desde hai 12 anos unha política de contención de taxas universitarias como unha das grandes medidas de apoio ás familias con fillos nesta idade, o que lles supón un aforro anual de 18,8 millóns de euros. Froito disto, Galicia lidera as comunidades autónomas con prezos de matrículas universitarias máis baratas do conxunto de España.