Santiago, 4 de outubro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular de Educación, Ovidio Rodeiro, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego “o modelo xusto, solidario e redistributivo” de reparto de libros de texto en Galicia, que este ano suporá un investimento de 28 millóns de euros, un 50 por cento máis que en 2021, e chegará ao 75 por cento das familias en idade escolar.
Rodeiro explicou que o modelo galego “facilita o acceso das familias aos libros de texto facendo compatibles as axudas a quen máis o necesitan coa solidariedade e coa cooperación na progresiva extensión de iniciativas de bancos de libros impulsadas pola comunidade educativa de cada centro, ao tempo que se propicia a dispoñibilidade de materiais e contidos educativos dixitais”.
UTILIDADE E IDONEIDADE
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que “o préstamo de libros de texto do bipartito de PSdeG e BNG non era universal, dado que non todos os alumnos tiñan os libros gratis pero si accedían moitas familias con grandes ingresos; e xeraba problemas de xestión para os centros, ante o que o Goberno galego daquela decidiu contratar unha empresa privada”.
“O Grupo Popular defende e cree na utilidade e idoneidade do modelo de gratuidade solidaria de libros de texto e das axudas para a adquisición de material escolar”, manifestou Balseiro, quen lamentou que “da a sensación de que os socialistas queren esconder, por unha banda, que o Goberno de Pedro Sánchez, coa apresurada aplicación da Lomloe sen contar coas comunidades autónomas, obriga a un maior desenvolso ás familias ao ter que cambiar todos os libros dos cursos impares; e, por outra, tentan esconder que non tiveron iniciativa e que non adoptaron medidas para axudar ás familias e facer fronte aos sobrecustos derivados da inflación”.