Santiago, 5 de outubro de 2022.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que incorpore na súa axenda lexislativa e no programa de traballo para a presidencia española do Consello da Unión Europea de 2023 diversas demandas de especial interese para Galicia, en cuestións como os fondos europeos, a pesca, o medio rural, a cultura, a enerxía, os transportes, a demografía e o despoboamento, a política exterior, as relacións con América ou a defensa. Ademais, solicítase que estas demandas se remitan ás Cortes Xerais, no marco do relatorio constituído na Comisión Mixta para a Unión Europea, para participar na preparación da presidencia española do Consello da Unión Europea durante o segundo semestre de 2023.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou de “oportunidade única” a Presidencia española do Consello da Unión Europea entre os meses de xuño e decembro de 2023, polo que considerou que “existen motivos dabondo para que Galicia faga chegar as súas prioridades” en asuntos relacionados coa política europea.
Puy destacou a “clara vocación europeísta” de Galicia, concretando que “aproximadamente dous terzos da normativa socioeconómica máis relevante que se aplica en Galicia ten a súa fonte xurídica nas institucións europeas”. “Non se pode entender o desenvolvemento económico e social da Comunidade galega nas últimas décadas sen ter en conta as inxentes cantidades económicas que recibimos procedentes de Europa”, subliñou. En concreto, cifrou en máis de 32.000 millóns o investimento realizado en infraestruturas e actuacións con axudas europeas, “unha cifra impresionante na que aínda non se teñen en conta os cartos que virán polos fondos Next Generation”.
ADIANTARSE AO TRABALLO DAS CORTES XERAIS
“Con esta proposición non de lei adiantámonos ao traballo que desenvolverá a Comisión específica posta en marcha nas Cortes Xerais con motivo da Presidencia española da Unión Europea, centrando as demandas de especial interese para Galicia”, manifestou.
En concreto, a iniciativa aprobada hoxe abrangue 10 ámbitos: fondos europeos, para asegurar unha xestión e execución eficaces dos fondos Next Generation, de xeito que cheguen ao tecido produtivo galego, especialmente ás pequenas e medianas empresas; a pesca, para reorientar as normas europeas e asegurar a sustentabilidade social, económica e medioambiental da cadea mar-industria; o medio rural, adaptando as normas europeas sobre agricultura, gandería e montes á realidade galega; a cultura, promovendo o fenómeno xacobeo na Unión Europea como parte da nova Axenda Europea para a Cultura e a Estratexia da UE para as relacións culturais internacionais; ou a enerxía, apostando por un modelo de transición enerxética ordenada, garantista, sustentable e respectuoso co medio ambiente, que permita achegar ás familias, pemes e industria un prezo competitivo.
Así mesmo, propóñense medidas no ámbito dos transportes, para aproveitar ao máximo os fondos europeos dispoñibles para impulsar as sinerxias entre Galicia e Portugal, co fin de poder reforzar a competitividade; na demografía e o despoboamento, integrándoos nos distintos programas de financiamento da Unión Europea; a política exterior, reforzando a protección consular dos europeos en terceiros países; as relacións con América; e, por último, a defensa, velando porque a renovada importancia da política europea de defensa beneficie a Galicia.