Santiago, 8 de outubro de 2022.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, reclamou hoxe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a convocatoria urxente da Mesa de seguimento das medidas que se veñen adoptado en relación co peche da autovía do Noroeste (A-6) tras o colapso do viaduto do Castro.
Esta mesa, da que formarían parte as administracións estatal e autonómica, foi un compromiso do Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, na súa xuntanza co Presidente da Xunta o pasado mes de xullo. Busca ser un foro de intercambio de información e análise sobre as solucións provisionais implantadas polo Goberno central para sortear o viaduto derrubado, para dar conta dos avances na investigación sobre as causas do colapso e sobre os trámites dirixidos á súa reconstrución.
“Pediremos no Parlamento galego esta reunión urxente para contar con información periódica e transparente ante as múltiples declaracións contraditorias que desde o Ministerio se están ofrecendo”, explica Balseiro.
QUEIXAS POLO DESVÍO ALTERNATIVO
José Manuel Balseiro quere que nese foro se avalíen e atendan as queixas e o crecente malestar dos transportistas polas deficiencias do desvío alternativo habilitado en Pedrafita.
O portavoz popular de Infraestruturas lembra que a solución proposta polo Ministerio ten moitas carencias xa que, por unha banda, os transportistas din que o novo ramal é perigoso pola súa forte pendente e o seu trazado en curva e, pola outra, non poderá ser utilizado con neve, unha situación climatolóxica moi habitual nesa zona en inverno.
“Van a obrigar aos transportes pesados a facer un percorrido alternativo, moito máis longo, que disparará os tempos de viaxe e o gasto en combustible, e que ademais emprega estradas alternativas que tampouco están preparadas para iso, como a N-120, polo seu mal estado, ou a VAP Lugo-Monforte, en plenas obras de desdobramento”
Balseiro tamén cuestiona que representantes do Ministerio de Transportes fagan declaracións avanzando a reapertura á circulación en 2023 do viaduto paralelo desta autovía que aínda segue en pé, cando aínda non se coñecen as causas que levaron ao colapso do viaduto xemelgo ou, polo menos, fan sospeitar que non se está a ofrecer toda a información dispoñible á cidadanía.
“Sen ter coñecemento sobre as circunstancias que levaron ao colapso do viaduto pretender recuperar a circulación na infraestrutura xemelga sería unha irresponsabilidade absoluta”, conclúe Balseiro.