Santiago, 13 de outubro de 2022- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa popular na que se pide actualizar o decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección do Sergas, para garantir a participación de representantes de atención primaria en todas as comisións e comités clínicos das áreas sanitarias.
Así mesmo, a iniciativa inclúe garantir a participación dos médicos de atención primaria naquelas comisións, como poden ser a comisión de tumores, a comisión da dor, a comisión de paliativos ou a comisión de infeccións e facilitar a participación nos comités clínicos onde se estudan os casos concretos dos doentes de cada profesional, para que poidan participar na toma de decisións e achegar información.
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, encargada da defensa da iniciativa, sinalou que as comisións e comités clínicos existentes nas áreas sanitarias teñen de por sí un carácter multidisciplinar e coa creación das áreas sanitarias permitiron un traballo máis especializado de estudo de cada caso concreto, cun carácter multinivel e transversal entre o eido hospitalario e a atención primaria.
“A consellería de Sanidade leva tampo dándolle un papel máis preponderante aos profesionais de atención primaria, outorgándolles máis competencias e permitindo o acceso a maiores recursos”, deste xeito “desde o Grupo Popular consideramos oportuno que os órganos superiores do Sergas, como son as comisións e comités clínicos, garantan a súa participación”.
Encarna Amigo sinalou que, en definitiva, “o que queremos acadar con isto é que o médico de familia siga en todo o proceso ó seu paciente, que poña en antecedentes ó resto do comité e que sexa partícipe nas decisións que se toman no tratamento”.