Santiago, 17 de outubro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, alertou hoxe sobre o retraso e a lentitude na distribución dos fondos europeos por parte do Goberno central, “fundamentais para a transformación do sistema produtivo de Galicia”.
Neste sentido, lembrou que a Xunta “ten presentado unha ampla batería de proxectos, incluso con investidor e localización para o investimento”, pero lamentou que ata o momento só un de cada catro euros están autorizados, cando o 70 por cento deberían estar asignados ou comprometidos antes de que remate o presente ano.
Pedro Puy lembrou que o Pleno desta semana inclúe a comparecencia do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía para informar sobre a situación de Galicia en relación coa asignación dos fondos europeos en materia industrial. Neste sentido, amosou a “preocupación” polo retraso en lentitude na distribución destes fondos, logo de que Europa “estea facendo un esforzo extraordinario” por axudar a España a saír da crise derivada da pandemia sanitaria e agravada pola guerra de Ucraína.
“Son moitos recursos que permitirían transformar a economía de Galicia”, sinalou o portavoz popular, recordando que o Goberno de España recibirá 70.000 millóns de euros nunha primeira aportación sen intereses. Ademais, recordou que “os antecedentes de execución dos fondos europeos non son moi positivos, e o propio Tribunal de Contas da Unión Europea xa alertou do risco de que España fracase cos novos fondos europeos, ao ser o peor executor ata o momento cos este diñeiro comunitario.
A día de hoxe, destes 70.000 millóns de euros só están autorizados 18.000 millóns, polo que Pedro Puy criticou a “lentitude” neste proceso de asignación de financiamento para proxectos industriais. En concreto, lamentou que “aínda non saibamos se Stellantis vai contar con axudas”, pero apuntou que “a mala distribución dos fondos non é un problema exclusivo do sector da automoción, porque a día de hoxe aínda non se sabe nada de axudas a sectores tan estratéxicos como o naval, a saúde ou o agroalimentario, así como o sector mar-industria, que tanto está a sufrir con esta falta de fondos e outras decisións inexplicables de distintas administracións”.
LEI DEPENDENCIA E VIADUTO A-6
De cara á sesión plenaria que se celebra esta semana, Pedro Puy tamén se referiu ás dúas proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular, A primeira delas está relacionada coa Lei de dependencia e o incumprimento por parte do Goberno central de cofinanciar estes servizos. En concreto, pídese que o Goberno central cumpra a Lei e cofinancie ao 50 por cento os servizos de dependencia, ao tempo que renuncie á imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñan un incremento de custes na prestación de servizos públicos de carácter social.
Neste momento, Galicia está a investir dúas veces máis que o Goberno central en prestacións por dependencia na Comunidade galega, achegando o 70 por cento fronte ao 30 por cento estatal. “A este desequilibrio súmase a débeda que o Goberno do Estado arrastra cos galegos e galegas nesta materia, que xa supera os 2.000 millóns de euros”, apuntou.
En segundo lugar, o portavoz popular indicou que se demandará ao Goberno central que ofreza á maior brevidade, de xeito continuo e coa máxima transparencia toda a información dispoñible sobre as causas que provocaron o colapso do viaduto do Castro na autovía A-6, ao tempo que se pide activar de inmediato a mesa de seguimento sobre as medidas que se veñen adoptando en relación coa A-6.
Pedro Puy recoñeceu a “dificultade de establecer as causas do colapso do viaduto, pero chama a atención que o Goberno central anuncie a posta en marcha do viaduto xemelgo sen coñecer as causas que provocaron a caída do primeiro”.
RESPALDO AOS ORZAMENTOS DA XUNTA
O portavoz do Grupo Popular tamén se referiu á aprobación esta mesma semana dos orzamentos da Xunta para 2023. Neste sentido, lembrou que a comparecencia do Presidente da Xunta no Parlamento e as reunións mantidas polo conselleiro de Facenda cos sindicatos e empresarios permitiron coñecer as liñas xerais destas contas.
Así, Puy destacou que os orzamentos, incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, un 8,5% máis que no presente exercicio, así como novas rebaixas de impostos para axudar aos galegos a facer fronte á alza dos prezos, especialmente aos de rendas máis modestas. Por un lado recollerán a deflactación do tramo autonómico do IRPF con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022 e, por outro, a rebaixa do primeiro tramo autonómico do IRPF do 9,4 ao 9 por cento. Ademais, os orzamentos da Xunta contarán con máis de 9.000 millóns de euros para gasto social, a cifra máis alta da historia de Galicia.
Pedro Puy contrapuxo o respaldo da AIReF ao proxecto de orzamentos da Xunta “co que se está a dicir dos orzamentos de España, que todas as previsións nel incluídas foron criticas por informes do Banco de España, BBVA, o Fondo Monetario Internacional ou a propia AIReF”.