Santiago, 20 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a todos os concellos de Galicia con corpos de Policía Local ou vixiantes municipais a que se dean de alta na nova aplicación do Rexistro de Policías Locais de Galicia (REPOLGA) e, deste xeito, mellorar a coordinación destes corpos de seguridade.
A deputada popular Ana Belén García Vidal lembrou que a Xunta creou en 2021 unha aplicación informática para a xestión do Rexistro das Policías Locais de Galicia, na que ata o momento se deron de alta 70 dos 138 concellos que conta con este tipo de corpo de seguridade ou con vixiantes municipais.
XESTIÓN INFORMATIZADA INTEGRAL
Esta nova aplicación permite unha xestión informatizada integral dos procedementos de rexistro, de modo que é o propio concello o que introduce no programa a información a rexistrar que, unha vez comprobada pola Dirección Xeral, se incorporará automaticamente ao rexistro. “Resulta necesario que todos os concellos de Galicia con corpos de Policía Local ou vixiantes municipais se dean de alta na aplicación e manteñan os datos do rexistro actualizados, para coñecer en tempo real a situación dos seus corpos e dos concellos con vixiantes municipais para o axeitado cumprimento das funcións de coordinación previstas na lei”, sinalou.
“Este rexistro ten por obxecto dispoñer a efectos estatísticos e informativos dun censo actualizado de todos os membros dos corpos de policía local e dos vixiantes municipais, no que se anotan as circunstancias que afecten a súa situación profesional, así como ter información veraz dos distintos corpos de policía local que permitan un mellor exercicio das funcións de coordinación”, engadiu.
Ademais, os datos deste Rexistro de Policías Locais son básicos para a optimización da programación dos procesos selectivos e das políticas de formación que a Xunta pode desenvolver para todos os concellos interesados a través da Academia Galega de Seguridade Pública.
Ana Belén García lamentou “a demora por parte de diversos concellos interesados no proceso de alta nesta aplicación de xestión deste rexistro”, polo que considerou que a Fegamp “debe xogar un papel básico na canalización deste proceso”.