Santiago, 25 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, que foi transaccionada entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España, de conformidade cos obxectivos fixados pola Unión Europea, que dote ás vivendas do rural galego, en máis en concreto ás do Caurel, dun servizo de telefonía fixa e internet de calidade, ao tempo que se defenda un custo do servizo asumible para que as familias do rural se poidan beneficiar da conectividade en igualdade de condicións que as das zonas urbanas.
A deputada do Grupo Popular Raquel Arias lembrou que, desde a aprobación do Real Decreto 462/2015, “a capacidade de acción das comunidades autónomas para a cobertura en materia de telecomunicacións quedou limitada e os fondos FEDER plurirexionais para esta finalidade se centralizaron no Ministerio correspondente”.
O Programa UNICO é o instrumento a través do que o Goberno de España prevé poñer en marcha as iniciativas coas que se acadarán en 2025 os obxectivos de acadar unha cobertura de 100 Mbps á totalidade da poboación, dotar de 1 Gbps aos principais motores socioeconómicos e estender as novas redes 5G en vías de transporte e cidades.
“Na actualidade, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, España dispón de máis de 4.000 millóns de euros de fondos europeos para dar resposta aos retos da competitividade, especialmente no ámbito rural”, explicou a deputada popular. Porén, destes máis de 4.000 millóns de euros, tan só o 9 por cento se transferirán ás comunidades autónomas e Galicia recibirá 19,1 millóns de euros.
CONECTIVIDADE NO TERRITORIO GALEGO
Raquel Arias manifestou que o Goberno galego xa ten previsto o destino destes fondos europeos: 8,6 millóns para o reforzo da conectividade dos centros públicos; 4,8 millóns para a mellora da conectividade en polígonos industriais; 4,3 millóns para a mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios anteriores a 2000; e 1,4 millóns para unha axuda de 240 euros a conectivos vulnerables para a contratación de servizos de banda larga durante un ano.
A deputada popular salientou que “a Xunta leva máis de 10 anos traballando para avanzar na conectividade do territorio galego”. En concreto, e no que respecta á cobertura do concello de Folgoso do Caurel, o primeiro Plan de Banda Larga 2010-2013 permitiu pasar dun 2 por cento da poboación con cobertura de cando menos 2 Mbps no ano 2010 a máis do 90 por cento na actualidade.