8 de novembro de 2022. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, tendeu hoxe a man aos grupos da oposición “para sacar adiante unha nova Lei reguladora dos xogos en Galicia por consenso, chegando a acordos nesta materia tan sensible e deixando a un lado as críticas demagóxicas e baleiras, que nada contribúen a axudar a quen realmente o merece: as persoas máis vulnerables, os menores e as persoas con adicións”.
No debate das dúas emendas á totalidade de BNG e PSdeG ao proxecto de Lei reguladora dos xogos en Galicia, Paula Prado manifestou que “se non poñemos freo ás adicións, se non impulsamos políticas de sensibilización e concienciación, se non apostamos pola información, a formación e a protección dos menores e persoas vulnerables, non estaremos cumprindo co mandato que temos da sociedade”.
OPOSICIÓN POUCO CONSTRUTIVA
Prado lamentou que “independentistas e socialistas prefiran facer unha oposición pouco construtiva nun ámbito tan sensible e importante como este, unha oposición a unha lei que pretende adaptar unha lexislación de 1985 á situación actual e protexer ás persoas máis vulnerables fronte a unha posible adición”.
Neste sentido, lembrou que “estamos ante unha actividade económica legal que debe ser regulada para promover un xogo responsable e protexer dunha posible situación de adición ás persoas máis vulnerables, como son os menores, para os que si está prohibido, así como ás persoas que sofren algún tipo de ludopatía ou adición ao xogo”.
A viceportavoz popular lamentou, tomando os datos do Informe Estudes, que “nada mellorou desde que os socialistas están no Goberno de España, máis ben empeoraron, e moito, os índices de adicións ao xogo por parte dos menores de idade”. En concreto, só no último ano a porcentaxe de menores de 14 a 18 anos que xogan cartos a través de internet incrementouse un 3 por cento, ao tempo que os que o fixeron a nivel presencial subiu un 3,6 por cento. “Por primeira vez, o Informe Estudes inclúe un módulo de posible xogo patolóxico por parte de menores”, sinalou.
PERIGO DO XOGO ONLINE
“Todos os expertos apunta ao xogo online como o máis perigoso e, o que é máis preocupante, que imos cara a máis xogo online”, manifestou Paula Prado, quen dixo que “a dixitalización da sociedade é imparable e implica unha menor presencialidade en todo, non só nos hábitos de consumo senón tamén no xogo”. Así, lembrou que a competencia sobre o xogo online é do Estado, polo que lamentou que “despois de catro anos do Goberno de Pedro Sánchez seguen sen facer nada a este respecto, a pesar na necesidade urxente de regular este tipo de xogo”.
Para rematar, Paula Prado garantiu o compromiso orzamentario do Goberno galego coa aplicación desta nova lei, que se recolle expresamente no artigo 4: “as consellerías con competencias en materia de xogo e sanidade consignarán crédito nos seus orzamentos correspondentes para financiar respectivamente o Observatorio Galego do Xogo e as actividades dirixidas á prevención da ludopatía”.