8 de novembro de 2022. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, manifestou hoxe no Pleno do Parlamento galego, no debate de totalidade do proxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade galega, que “se o sentidiño e o diálogo fixeron que este texto chegase á Cámara nun clima xeral de consenso e paz social, deberíamos aplicar as mesmas ferramentas para completar os trámites parlamentarios e aprobar definitivamente unha lei útil, garantista e alonxada de polémicas innecesarias”.
Alberto Pazos lembrou que “estamos a tramitar unha iniciativa lexislativa que pretende completar a normativa básica xa existente, e que regula un novo proceso de estabilización do emprego público no conxunto de España”. Neste sentido, considerou “evidente que algunhas disposicións orzamentarias e organizativas derivadas da normativa estatal básica, e incluídas nos orzamentos xerais do Estado dos últimos anos, levaron a taxa de temporalidade a niveis non desexables no conxunto de España, e tamén en Galicia, aínda que sexamos a comunidade autónoma con maior estabilidade laboral na súa administración”.
LEXÍTIMA DEMANDA
Así, manifestou que “debemos atender á lexítima demanda dos funcionarios eventuais que veñen reivindicando que se lles dote de estabilidade profesional, e, ademais, que se faga valorando adecuadamente a importancia do servicio público que levan prestando á administración, nalgúns casos, durante moitos anos”. E, por outra banda, dixo que “temos a obriga de desenvolver estes procesos de estabilización salvagardando en todo momento os principios de igualdade, mérito e capacidade”.
“En definitiva, nin deixar de valorar os servicios prestados por persoas que levan anos traballando na administración, nin negar a oportunidade de concorrer a esas prazas a quen lexitimamente aspira a elas, sen ter acumulado esa experiencia previa”, concluiu.
Alberto Pazos incidiu que o Goberno galego “abordou esta problemática con dúas ferramentas, que sempre lle deron bo resultado: sentidiño e dialogo”. “Sentidiño, para non crear leas absurdas buscando unha innecesaria confrontación co Goberno do Estado; e diálogo para tentar desenvolver a normativa autonómica da man dos lexítimos representantes dos traballadores, evitando conflitos innecesarios e buscando a colaboración cos representantes sindicais para dotar da maior seguridade xurídica posible todo o proceso”, apuntou.
Respecto da presentación da emenda á totalidade por parte do BNG, o viceportavoz popular explicou que “o proceso de estabilización está sometido a prazos concretos, e a publicación das convocatorias debe producirse antes do 31 de decembro de 2022”. Deste xeito, asegurou que, “facendo un sinxelo cálculo dos prazos necesarios para completar a tramitación deste proxecto de Lei, apoiar a súa emenda suporía na práctica incumprir eses prazos, polo que resulta moi pouco oportuna a presentación desta emenda a totalidade, salvo que o seu obxecto sexa retrasar a publicación das convocatorias”.