18 de novembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se reclama ao Ministerio de Educación un modelo de proba ABAU con vocación de permanencia no tempo e que garanta a equidade e a igualdade de oportunidades na totalidade do territorio de España.
Neste sentido, o portavoz popular de Educación, Ovidio Rodeiro, insistiu na necesidade de realizar “unha proba de acceso á universidade na que se engadan mecanismos dirixidos a incrementar o grao de homologación entre as diferentes probas propostas polas comunidades autónomas”.
Ovidio Rodeiro reivindicou “a igualdade de oportunidades do alumnado galego con respecto ao das outras comunidades autónomas, xa que son manifestas as diferencias nas probas de acceso á universidade”. “Hai comunidades onde é máis doado aprobar que noutras, pero o acceso á universidade si que vai por distrito único, polo que hai unha penalización para o alumnado con probas máis esixentes”, indicou.
PROBA HOMOXÉNEA
“É necesaria unha proba homoxénea en todo o territorio no marco do sistema universitario español que se conforma como distrito único”, manifestou Rodeiro, quen demandou ao Goberno central que “deixe de facer o paripé, escoite ás comunidades autónomas e vele polo interese xeral do conxunto do alumnado, evitando discriminacións”.
Deste xeito, criticou que “tanto BNG como PSdeG rexeitaran hoxe defender os intereses do alumnado galego, negándose a apoiar un modelo de proba ABAU con vocación de permanencia e igualdade de oportunidades en todo o territorio español”.
O portavoz popular avogou porque Galicia “sexa un centro universitario que acolle a estudantes de toda España, pero é necesario que se manteña a igualdade de oportunidades, baseada no mérito e a capacidade”. Porén, lamentou que esta igualdade “está comprometida pola falta de equidade á hora de facer as avaliacións para o acceso á universidade, xa que cada comunidade autónoma ten unha proba propia, con contidos, criterios de corrección e dificultade moi dispar entre unhas e outras”.
Nese sentido, lembrou que a última proba de acceso á universidade do curso 2020-2021 “foi a máis desigual da historia de España: nove autonomías permitiron que os seus alumnos se examinaran con asignaturas suspensas, mentres que nas outras oito foi necesaria unha avaliación positiva en todas as asignaturas para obter o título de bacharelato”.