24 de novembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se condena enerxicamente a agresión de Rusia a Ucraína, rexeitando totalmente a invasión das forzas militares rusas e esixindo a súa inmediata retirada.
Así mesmo, amósase o firme compromiso do Parlamento galego coa defensa dos principios da democracia, o Estado de Dereito e a protección dos dereitos fundamentais, ao tempo que se insta á Xunta a realizar todos os esforzos necesarios para mobilizar recursos a fin de acoller aos refuxiados provenientes do conflito de Ucraína, de forma coordinada coas administracións estatal, autonómica e local.
O deputado do Grupo Popular Adrián Pardo subliñou que “Galicia está ao carón dos esforzos que está a desenvolver a Unión Europea e os gobernos dos distintos estados membros, incluído o goberno de España, reivindicando o restablecemento da legalidade internacional e da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos que todos compartimos e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no preámbulo do Tratado de Constitución da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución da Unión Europea”.
CONVENIO CON UNICEF
A modo de exemplo, Adrián Pardo referiuse ao convenio de emerxencia asinado a pasada semana entre a Xunta e UNICEF para facerlle fronte á crise humanitaria en Ucraína. A través deste acordo, destinaranse 30.000 euros á mellora das condicións de vida da infancia afectada pola guerra e permitirá paliar o grande impacto do conflito bélico sobre as familias, en especial sobre as mulleres e nenos.
Así mesmo, o deputado popular manifestou que “dentro das competencias autonómicas se está a prestar aos refuxiados ucraínos atención sociosanitaria, apoio educativo para a escolarización de persoas, programas de atención mediante o sistema de protección de menores e apoio ao emprego, ademais de que Galicia puxo a disposición dos refuxiados case 1.500 prazas de residencias”.
Adrián Pardo destacou, por último, o traballo de ONGs como AGA-Ucraína, nacida en A Coruña da man de ucraínos residentes en Galicia e de voluntarios galegos que se constituíron como asociación co único fin de axudar á poboación ucraína. Esta asociación permitiu o envío de 24 camións cun total de 400 toneladas de subministracións básicas desde o inicio do conflito, ademais de tres ambulancias e equipos médicos.