1 de decembro de 2022. A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego o “discurso frívolo, falto de rigor e alarmista de BNG e PSdeG respecto da situación da sanidade, tentando embarrar e confundir á poboación alporizando e mobilizando con falsidades, e pintando situacións esaxeradas que nada teñen que ver coa realidade”.
“A situación real é a escaseza de profesionais sanitarios e desde a Xunta lóitase para revertela esforzándose no día a día con medidas dirixidas a ese fin”, como a creación da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria ou a realización de convocatorias, mediante a modalidade de concurso de méritos, para cubrir as prazas de difícil cobertura.
Encarna Amigo subliñou que a Xunta “cubre o 100 por cento das prazas formativas de medicina de familia que se acreditan, duplicándoas nos últimos anos; e contrátase a 100 por cento dos profesionais dispoñibles, estando as listas de contratación a cero”. Ademais, asegurou que “non se vai pechar ningún centro de saúde, como agora pretenden facer ver os grupos da oposición” e incidiu “a vontade de cubrir as distintas prazas de sanitarios que a día de hoxe se atopan vacantes en calquera concello de Galicia, sempre e cando se atopen profesionais para ocupalas”.
PROBLEMA DE TODA ESPAÑA CON SOLUCIÓN A NIVEL ESTATAL
“Saben perfectamente que nos enfrontamos a un problema grave de falta de especialistas de medicina familiar e comunitaria, así como de médicos pediatras, pero non só en Galicia, senón en toda España”, sinalou a portavoz popular, quen apuntou que “a situación é complexa e está claro que hai unha raíz común a este problema de déficit de médicos de familia que sofre toda España, e por iso tamén hai solucións comúns que deben vir a nivel estatal”.
Por último, Encarna Amigo lamentou que o BNG, “cando se trata de elixir entre favorecer a Galicia ou apoiar a Pedro Sánchez, sempre se posicione ao lado do socialismo en contra Galicia”. Así, a modo de exemplo, lembrou o seu voto en contra á resolución aprobada no Congreso pedindo ao Goberno central que tome as medidas que necesitan todos os servizos de saúde autonómicos ou á lei aprobada no Parlamento galego para realizar convocatorias, polo procedemento de concurso de méritos, cubrir prazas de medicina familiar e comunitaria, pediatría ou saúde mental.