1 de decembro de 2022. A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Begoña Freire, demandou hoxe no Pleno do Parlamento a BNG e PSdeG que en materia de convenios cos concellos “leccións cero” á Xunta de Galicia, porque asegurou que “a transparencia destes acordos de cooperación é total e en estrito cumprimento da normativa, coa publicación do acordo no Portal de Transparencia e Goberno Aberto e no Rexistro de Convenios da Xunta”.
No debate dunha moción sobre a xestión do Plan Hurbe, Begoña Freire explicou que a través destes acordos a Xunta cofinancia as obras nos concellos nun 70 por cento do custe estimado, e leva a cabo a contratación da execución da obra e a súa dirección. “Non se pode falar de concellos beneficiarios, xa que se trata da execución de obras en réxime de cooperación para aqueles concellos que o soliciten, nun plano de voluntariedade e igualdade das partes”, indicou.
BENEFICIAR A TODOS OS CONCELLOS
A posta en marcha do Plan Hurbe por parte da Xunta obedece a servir de apoio ás entidades locais con actuacións que humanicen espazos de uso público e promovan o reequilibrio territorial. Os obxectivos a acadar son humanizar as vilas, tanto as grandes como as pequenas e os núcleos rurais, atendendo a realidade socio-demográfica de cada unha delas, aplicando unha nova visión sobre as urbes enfocada no futuro e nas persoas, con actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.
“O Goberno galego vén traballando co único obxectivo de beneficiar a todos os galegos, con independencia de quen sexa o seu alcalde e garantindo sempre a igualdade de trato aos concellos, o cumprimento da normativa vixente e que se presten máis e mellores servizos aos cidadáns”, concretou a portavoz popular.
Begoña Freire criticou que tanto BNG como PSdeG “mintan descaradamente” cun suposto beneficio da Xunta aos concellos gobernados polo PPdeG e, a modo de exemplo, citou os acordos asinados con concellos gobernados polos grupos da oposición como O Barco de Valdeorras, Ferrol, Vigo, Redondela, Ares, Ponteareas, Barreiros, Gondomar, Catoira, Allariz, Verín, Betanzos ou Corcubión, entre outros.
Neste sentido, cualificou de “escandaloso” que o Goberno local do Concello de Lugo “leve retrasando seis anos a posta a disposición dos cidadáns do novo auditorio, despois dun investimento da Xunta superior aos 25 millóns de euros, así como que os 3.300 metros cadrados da rehabilitación da antiga Fábrica de Tabacos de A Coruña cedidos ao Concello coruñés sigan pechados despois de cinco anos”.