1 de decembro de 2022. A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta dará un paso máis na formación de desempregados coa introdución de novos recursos, como o Campus Virtual, a ampliación do número de convocatorias libres para a adquisición de competencias claves durante todo o ano e nas catro provincias galegas, o impulso do modelo de formación dual ou avanzando na Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que apostará pola figura das microcredenciais.
Noelia Pérez manifestou que o Goberno galego “non só ten un plan para mellorar a formación e a empregabilidade dos galegos, senón tamén estes programas están a ser efectivos para que Galicia siga mantendo un diferencial positivo en materia de emprego, con mellores datos que o resto de España e con máis emprego e de mellor calidade que a media estatal”.
NECESIDADES DO MERCADO E DOTAR DE COMPETENCIAS
“Para mellorar a empregabilidade e aumentar a cualificación dos traballadores en Galicia hai que abordar, dunha banda, as necesidades reais do mercado de traballo e analizar esas realidades do tecido produtivo; e, por outro lado, formar e dotar de competencias a toda a cidadanía en base a esas necesidades e coas ferramentas que poidan evitar que queden excluídas del”, concretou.
A portavoz popular referiuse ás políticas activas de emprego que neste momento está levando a cabo a Xunta de Galicia, destacando os máis de 430 millóns de euros que destinará en 2023 para consolidar iniciativas empresariais e crear emprego vencellado á economía social; ou os apoios á contratación, dirixidos especialmente a aqueles colectivos que teñen máis dificultades, como mulleres, mozos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, parados de longa duración ou apoio a persoas retornadas e migrantes.
“O Goberno galego seguirá traballando en plans de formación para ocupados, desempregados e nos certificados de profesionalidade; seguirá traballando para incrementar esa participación na formación en competencias clave; e seguirá innovando de acordo a unha folla de ruta xa marcada e orzamentada”, apuntou.