2 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España, a través do seu Presidente e secretario xeral do PSOE, que retire de maneira inmediata a iniciativa parlamentaria presentada nas Cortes Xerais e non levar a cabo ningunha modificación do Código penal que supoña derrogar o delito de sedición. Así mesmo, demándase cumprir, acatar e respectar a Constitución española, aprobada de xeito maioritario polo pobo galego e no conxunto de España, na que non ten cabida a sedición os referendos ilegais e se recoñece a indisoluble unidade da Nación española.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou que este debate é sobre unha cuestión que “afecta ao núcleo central do noso sistema democrático de convivencia e da defensa da autonomía, e amosa o rexeitamento, compartido por unha ampla maioría dos cidadáns galegos e españois, a unha operación que debilitaría a defensa da Constitución Española”.
“En España non é delito defender a derrogación ou modificación da Constitución, nin ser independentista e pedir a independencia do territorio, pero si o é facelo á marxe da propia lei, que xa ten mecanismos para a súa reforma”, indicou.
ESTABILIDADE CONSTITUCIONAL, BEN PROTEXIBLE
Así mesmo, Puy afirmou que “a estabilidade constitucional é un ben protexible”, ao tempo que apuntou que “a protección da Constitución ten moitas dimensións, que van desde o respecto ás institucións e á lei, a propia reforma e, no último caso, o dereito penal”. Neste sentido, lembrou que “todas as democracias recollen nos seus ordenamentos xurídicos delitos contra a Constitución con penas severas”, como se está a ver estes días nos Estados Unidos con motivo do fallido asalto ao Congreso de 2021.
O portavoz popular explicou que esta reforma política “non cabe ser xustificada porque só se pode ver en claves políticas” e puxo de manifesto a tramitación desta modificación lexislativa pola vía de urxencia coa tramitación dos orzamentos do Estado para 2023. “Prima o interese do Goberno de Pedro Sánchez por manterse no poder fronte á defensa da Constitución Española, que agora queda máis desprotexida”, dixo.
“Desde o Grupo Popular cremos no Estado de Dereito, no imperio da lei e na Constitución Española, e esta proposición de lei que se está a tramitar nas Cortes Xerais vai en contra do ordenamento xurídico español e leva ao deterioro das nosas institucións”, rematou.