12 de decembro de 2022. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2023 “permitiu ver a unha oposición sen argumentos e nunha carreira por ver quen incrementa máis o gasto da administración vía presión fiscal aos cidadáns”.
Así mesmo, lamentou que BNG e PSdeG non apoiaran en Comisión a aprobación da nova Lei de redución da temporalidade no emprego público, que terá o seu debate definitivo no Pleno da vindeira semana.
Pedro Puy explicou que, finalmente, o ditame dos orzamentos da Xunta para 2023 incorpora nove emendas do Grupo Popular e dúas do Grupo Socialista, ademais doutra transacción entre o Grupo Popular e o Socialista.
“Lamentablemente, e a pesar da plena disposición do Grupo Popular a aceptar propostas dos grupos da oposición que melloren os orzamentos da Xunta, non se puideron incorporar máis emendas dos grupos da oposición porque ou ben eran contrarias á normativa básica do Estado, como incrementar un 3% a retribución dos funcionarios públicos, cando a normativa básica estatal fixa esta suba no 2,5%, ou variar a composición das pagas extraordinarias, tamén recollida na normativa básica do Estado que a Comunidade autónoma ten que respectar; ou eran exactamente as mesmas que as presentadas outros anos, co agravante de que no seu “corta e pega” esquecéronse incluso de cambiar o ano dos orzamentos ao que se refiren”, sinalou.
Así mesmo, o portavoz popular citou algunhas das incongruencias de BNG e PSdeG nas súas emendas ou nas súas votacións parciais do texto orzamentario. En concreto, referiuse ao voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG á emenda do Grupo Popular para concretar que as aportacións da Xunta para as universidades galegas serán exclusivamente para as “públicas”, algo que non figuraba puntualizado no texto inicial; a súa proposta para eliminar as axudas para autónomos ou para iniciativas emprendedoras en Galicia, así como as liñas de apoio do IGAPE á competitividade, ao investimento, a internacionalización das empresas galegas.
“Tamén propoñen desviar recursos dos galegos para pagar débedas que corresponden á Administración Xeral do Estado, como a mellora da rede ferroviaria ou a contaminación dos encoros de titularidade estatal; ao tempo que reducen en 41 millóns de euros a partida para o funcionamento de centros públicos de persoas maiores ou en 33 millóns de euros a partida destinada ao Consorcio Galego de Benestar”, apuntou.
Pedro Puy manifestou que o debate de orzamentos “permitiu ver como está a posible alternativa ao Goberno do Grupo Popular, sen argumentos cos que mellorar as contas públicas para o vindeiro ano”. Centrándose na política fiscal, sinalou que “presentan tributos cun único afán recadatorio e, en moitas ocasións, contraproducentes”, como acontece coa súa proposta dun novo tributo vencellada á potencia dos muíños eólicos, prexudicando a redución do impacto ambiental ao favorecer a instalación de máis postes con menor potencia en vez de reducir o número de aparellos cunha maior potencia.
EMPREGO PÚBLICO
Respecto do Pleno ordinario que se celebrará a vindeira semana, o portavoz popular avanzou que se procederá ao debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público en Galicia, “cuxo obxectivo é reducir a taxa de interinidade por baixo do 8 por cento e facelo atendendo ao marco legal europeo, aclarando as eivas e imprecisións da lexislación estatal”.
O ditame deste texto lexislativo incorpora incorpora 14 emendas directas dos grupos parlamentarios (7 do Grupo Popular, 6 do BNG e 1 do PSdeG), ademais doutras dúas transaccións entre o Grupo Popular e o BNG. A pesar destas achegas, os grupos da oposición non apoiaron en Comisión a aprobación do ditame, que busca conciliar dúas circunstancias: a lexítima reivindicación dos funcionarios eventuais, que demandan estabilidade profesional; e a obriga legal de desenvolver este proceso de estabilización atendendo aos principios de igualdade, mérito e capacidade.