13 de decembro de 2022. O Grupo Popular solicitará ao Goberno central no Pleno ordinario da vindeira semana que rectifique a planificación prevista da Rede Eléctrica de España para 2021-2026 e inclúa actuacións de subministro de enerxía eléctrica a proxectos industriais de Galicia, como o de Altri, o de Showa Denko, a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa, a biofábrica de ENCE, a central hidroeléctrica de Magtel ou a Stellantis. Así mesmo, na mesma sesión plenaria pedirá que a Xunta elabore un Plan galego de prevención do cancro de pulmón, no que se empreguen métodos innovadores de detección para facer unha iniciativa pioneira a nivel estatal.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o voceiro do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que o vindeiro martes, 20 de decembro, terá lugar o Pleno específico para a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2023 e o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas. “Galicia volverá a contar cuns orzamentos aprobados nas datas establecidas, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro, cun incremento de 1.000 millóns de euros sobre o pasado exercicio e que permitirán dar certezas neste momento no que hai moitas necesidades que cubrir a nivel económico e social”, sinalou.
REDUCIÓN DA TEMPORALIDADE NO EMPREGO PÚBLICO
A continuación, terá lugar o Pleno ordinario, que dará comezo co debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade galega. Puy lembrou que esta norma busca “reducir as taxas de interinidade por baixo do 8 por cento, e facelo atendendo ao marco legal europeo, aclarando as eivas e imprecisións da lexislación estatal”.
Ao longo da súa tramitación parlamentaria, o ditame desta nova lei incorporou directamente 14 emendas dos grupos parlamentarios (7 do Grupo Popular, 6 do BNG e 1 do PSdeG), ademais doutras dúas transaccións entre o Grupo Popular e o BNG. “Traballamos cunha clara vontade de diálogo e con absoluta lealdade institucional, polo que resulta difícil de entender que os grupos da oposición non apoiaran a aprobación do ditame na Comisión, mesmo os socialistas, que promoveron esta norma desde o Goberno central”, manifestou.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, Pedro Puy explicou que o Grupo Popular pedirá ao Goberno central que modifique a actual planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026, aprobado polo Consello de Ministros o 22 de marzo de 2022, de xeito que se inclúan actuacións que melloren o subministro enerxético a proxectos industrias de Galicia.
INICIATIVAS EMPRESARIAIS
En primeiro lugar, a iniciativa solicita a construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220 kV entre Mesón do Vento e Belesar para atender as necesidades de subministración da fábrica de fibras téxtiles sostibles de Altri en Palas de Rei; e ampliar a capacidade da subestación existente nos nós de Sabón e Meirama para dar viabilidade aos proxectos industriais existentes na área de A Coruña, como a nova fábrica de ánodos de grafito para baterías de Showa Denko ou a planta de amoníaco vede de Armonía.
Así mesmo, pídese que o Goberno central determine o destino dos 1.400 MW de capacidade dispoñible no nó existente en As Pontes para ver a compatibilidade do proceso de desmantelamento parcial da central térmica cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren desenvolver na zona, como a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa, a biofábrica de ENCE ou a central hidroeléctrica reversible promovida por Magtel.
Por último, demándase a inclusión da nova subestación de 220 kV para a zona industrial de Vigo para garantir unha subministración eléctrica de calidade tanto á fábrica de Stellantis en Balaídos, como a toda a área industrial desta zona. “Estas actuacións non exclúen a cobertura enerxética a calquera outra necesidade da industria galega, ben que estea asentada ou da que queira implantarse en Galicia”, apuntou Pedro Puy.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que a Xunta poña en marcha un Plan galego de prevención do cancro de pulmón, “co que se dea continuidade a outros programas de cribado desenvolvidos nos últimos anos con distintas patoloxías, como o cancro de mama, o cancro colorrectal ou o cancro de cervix”, dixo o portavoz popular.
Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo impacto que terá a suba do IPC nas peaxes das autoestradas de titularidade estatal, unha vez que a Xunta ten previsto asumir este incremento en 2023 nas vías da súa competencia; e sobre a intención de modificar o Código Penal en relación co delito de malversación, unha cesión do Goberno de Pedro Sánchez aos seus socios independentistas cataláns.