13 de decembro de 2022. O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro demandou hoxe no Parlamento galego ao Goberno central a modificar a lexislación vixente para proceder á revisión dos coeficientes redutores dos traballadores e traballadoras do mar, adecuando os mesmos ás circunstancias actuais da frota e da actividade marítimo-pesqueira, marisqueira e acuícola.
Balseiro lembrou que “o Parlamento galego xa aprobou en tres ocasións iniciativas que solicitan que os gardacostas de Galicia poidan acollerse ao réxime especial do mar, que poidan beneficiarse de coeficientes redutores e que se reduza a idade mínima a partir da que poderán solicitar a súa xubilación e recibir a pensión á que teñen dereito”.
PORTAZO DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ
“Porén, as demandas dos gardacostas de Galicia reciben, unha e outra vez, un portazo do Goberno de Pedro Sánchez”, lamentou o deputado popular, quen concretou que «o problema é que o PSOE non quere cambiar a lei que permitiría aos gardacostas xubilarse antes”.
Neste sentido, insistiu que “hai que cambiar a lei e reformar o sistema de coeficientes e actualizalo, adaptándoo á realidade actual da pesca”. “A única solución posible é facer unha revisión completa do sistema de coeficientes e adecualo a todas as casuísticas que afectan aos profesionais do mar”, engadiu.