A proposición non de lei presentada polos populares galegos para solicitar a conxelación para o ano 2023 das peaxes das autopistas estatais AP-9 e AP-53 foi aprobada hoxe na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Congreso coa abstención de PSOE, Unidas Podemos e o Grupo Plural, do que forma parte o BNG.
O deputado galego e vicevoceiro de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, Celso Delgado, argumentou que o Goberno de España ten os medios e “o deber” de limitar a suba das peaxes nas autopistas de titularidade estatal para “evitar que os galegos teñan que asumir o próximo 1 de xaneiro unha suba histórica no peor momento”.
“É posible limitar as subidas das peaxes tanto chegando a acordos coas concesionarias, como asumindo as arcas públicas este incremento das tarifas, ou actuando desde o campo impositivo reducindo a carga fiscal das concesionarias e incluso rebaixando o IVE das peaxes”, engadiu.
Delgado explicou que o Goberno central ten marxe orzamentaria para abordar os costes estimados de “entre 13 e 15 millóns de euros” que suporía esta medida e lamentou que “ante a escalada de prezos e o evidente impacto do IPC non se tivera previsto ningunha medida concreta nos Presupostos Xerais de 2023 para paliar o impacto da suba das peaxes no peto das familias e na competitividade das empresas”.
Contrapuxo ademais esta actitude coa da Xunta de Galicia, que ante este escenario “adoptou con antelación suficiente a decisión de conxelar as peaxes das autopistas autonómicas”, incluíndo nos Orzamentos de 2023 unha partida de 4,8 millóns de euros “para paliar o impacto das peaxes nos usuarios, absorbendo o impacto do IPC e aplicando descontos”. Ao respecto desta decisión do Goberno galego, o deputado ourensán indicou que “permitirá continuar coas bonificacións activas en horarios nocturnos e recorrentes, así como os descontos para familias numerosas”.
Tal e como sinalou Celso Delgado na sesión parlamentaria, a AP-9 é “a vía de comunicación máis importante de Galicia” na medida en que vertebra o territorio onde reside o 60% da poboación e a autopista que “está entre as que teñen custos máis elevados de toda España xunto á AP-53”.
“Se o Goberno central non o remedia, o 1 de xaneiro do próximo ano, os cidadáns galegos teremos que soportar unha suba de máis do 8% nos peaxes da AP-53 e de case o 9% na AP-9, aos que habería que sumar un 1% adicional no caso desta última pola compensación a Audasa que autorizou o Goberno socialista de España”, concluíu.
O PPdeG lamenta que por parte do PSOE, Unidas Podemos e o Grupo Plural non interviñeran deputados galegos, senón parlamentarios de Asturias, a Comunidade Valenciana, “o que dá conta do interese dos representantes do PSdeG, Unidas Podemos e o BNG por paliar a suba das peaxes”.