A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, asegurou esta tarde que “os veciños de Melide non merecen seguir na senda de clientelismo, corruptelas e escándalos permanentes aos que os somete o Goberno local” e por iso avoga por un goberno do Partido Popular a partir do 28 de maio. Para que deste xeito “Melide volva ser noticia pola boa xestión, polos investimentos e pola creación de emprego”.
Así o manifestou esta tarde durante a reunión de traballo que mantivo co grupo municipal do PP de Melide, na que a súa voceira, Dalia Couso, trasladoulle algunhas das polémicas nas que se atopa inmerso o Concello por culpa do bipartito formado por Adiante Melide e PSOE.
Como é o caso do “pelotazo urbanístico” que supón a recente adquisición directa por parte do Goberno local dunha parcela destinada a albergar un aparcadoiro público. Unha adquisición que se levou a cabo de xeito “irregular e ilegal” e pagando por eles “un 500% máis do seu valor real no mercado”.
Un escándalo ao que habería que sumarlle ademais a aprobación dunha RPT que “non convence nin aos propios funcionarios e traballadores do Concello” e que “responde unicamente á política de clientelismo que o bipartito leva aplicando durante os últimos catro anos”.
Paula Prado mostrouse moi crítica a este respecto e asegurou que “Melide non merece seguir sendo noticia nin por escándalos urbanísticos nin por redes clientelares”. Por iso considera que nas próximas eleccións municipais os melidenses “terán a oportunidade de optar ao cambio que merecen e necesitan” da man do Partido Popular.
“O Partido Popular xa ten demostrado a súa capacidade de xestión á hora de gobernar Melide, polo que somos maioría os que cremos que este bipartito ten o tempo contado e que o 28 de maio este concello volverá ser azul”, afirmou antes de poñer en valor o traballo do grupo municipal “trasladando aos veciños que hai outra forma de facer política dun xeito serio e responsable”.