14 de decembro de 2022. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, afirmou hoxe no Parlamento galego que a Xunta “vai impulsar o recoñecemento de novas medidas de xestión da Rede Natura 2000 en Galicia co fin de potenciar a compatibilidade entre a imprescindible protección natural destes espazos e aquelas actividades tradicionais ligadas ao territorio, que xogan un papel clave para garantir a preservación dos seus hábitats”.
Marisol Díaz explicou que “a aplicación da modificación do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado en 2014, puxo de manifesto que determinadas actividades tradicionais, consideradas na normativa actual como usos permitidos, facilitaron, na práctica e adecuadamente exercidas, incrementar o nivel de protección destes espazos naturais ante as variables climáticas e os seus efectos”.
EN VIGOR EN 2023
“A Xunta promoverá un novo cambio normativo co fin de que entre en vigor en 2023 afondando na liña de simplificación e flexibilización impulsada nos últimos anos, co obxectivo de facilitar a execución de actuacións en Rede Natura compatible coa protección dos seus valores”, apuntou.
Neste sentido, considerou “un erro pensar que nun espazo protexido non poida ter lugar ningún tipo de actividade”, polo que “así é como a Xunta estivo, está e estará avanzando cara adiante, a carón dos propietarios e daqueles que puideran verse afectados por espazos protexidos”.