14 de decembro de 2022. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, avogou hoxe no Parlamento de Galicia porque o novo Plan de Residuos 2022-2030 da Xunta contemple a asistencia aos concellos no modelo de financiación máis axeitado ao seu contexto de xeración de lixo, para asegurar que se sufraga o custo real do servizo, tal e como establece a lei estatal de residuos e solos contaminados.
Así mesmo, demandou que o Goberno central elimine o imposto de depósito en vertedoiro e o substitúa por mecanismos de incentivos fiscais para os concellos que cumpran os principios de redución e reciclaxe establecidos na normativa de residuos.
Díaz Mouteira lembrou que o Goberno galego “está a traballar nun novo Plan de residuos municipais de Galicia, co reto principal de dar un pulo definitivo á economía circular e seguir camiñando cara a transformación actual do modelo produtivo, seguindo a liña marcada pola Unión Europea”. Este novo plan, que terá unha vixencia de 8 anos, mobilizará 455 millóns de euros co obxectivo de cumprir os obxectivos comunitarios en materia de xestión de residuos.
PAGO POR XERACIÓN
Deste xeito, a portavoz popular incidiu que “a Xunta non está a impoñer nada neste novo plan de residuos municipais, senón a facer unha recomendación baseada na lexislación, tanto europea como nacional, de obrigado cumprimento”. “As taxas que se recomendan enmárcanse no chamado pago por xeración, un sistema que permite computar a xeración real de residuos de cada fogar ou comercio e definir o importe da taxa en función da cantidade e tipo de residuos xerados”, indicou.
“O que se propón é que os concellos estuden un pago por xeración de residuos, de xeito que poidan modulalo cando esta xeración aumente debido á maior afluencia de usuarios nas súas instalacións”, explicou Marisol Díaz. Ademais, lembrou que “son os concellos os que, no exercicio das súas competencias exclusivas nesta materia, deben adoptar as decisións que consideren máis axeitadas para garantir o equilibrio entre o custo do servizo e o recibo que abonan os usuarios, tal e como se recolle tanto na normativa europea como na lexislación básica estatal”.