16 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar e poñer en marcha medidas a prol da planificación, seguimento e control da produción do castiñeiro.
En concreto, pídese levar a cabo unha promoción do aproveitamento conxunto dos terreos forestais mediante unha xestión sustentable e multifuncional dos produtos e servizos forestais; impulsar dun xeito xeral a mellora dos soutos, en especial os incluídos no Rexistro de Masas consolidadas de frondosas autóctonas; deseñar un mapa territorial que identifique as principais zonas xeográficas para plantacións de castiñeiros e favorecer estas novas plantacións con axudas públicas ou incentivos; e fomentar a implicación das comunidades de propietarios de montes e das comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades no desenvolvemento de novas plantacións de castiñeiro, así como fomentar e adaptar as estratexias dos grupos de desenvolvemento rural para a execución dos proxectos ligados a esta especie.
O deputado popular José Antonio Armada lembrou que “o castiñeiro está considerado unha das árbores cunha maior variedade de aplicacións e utilidades nos ámbitos rurais, sendo un recurso de grande relevancia desde o punto de vista da alimentación, pero tamén polo seu valor para usos madeireiros e outras producións complementarias”.
MÁIS DE 49.000 HECTÁREAS
Na actualidade, a superficie de castiñeiro en Galicia supera as 49.000 hectáreas, localizadas principalmente nas comarcas do leste de Lugo e Ourense, situando á Comunidade galega como a principal rexión en produción e exportación de castañas de España.
Diante desta situación, a Xunta incluíu na revisión do Plan Forestal de Galicia a execución do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, co obxectivo de planificar a produción de froito e de madeira de castiñeiro en Galicia, incrementando a súa cantidade e calidade a través da recuperación de soutos e de novas plantacións.
“O obxectivo é recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 hectáreas novas para a produción de madeira e de froito de castiñeiro”, concretou José Antonio Armada, quen apuntou que o período de execución deste programa estratéxico prolongarase ata o 2040 cun orzamento de máis de 21 millóns de euros de fondos públicos e privados.
O deputado popular manifestou que este programa estratéxico “busca consolidar a Galicia como a principal rexión en produción e exportación de castañas de España, ao aglutinar máis da metade da produción e unha porcentaxe similar das empresas comercializadoras e das industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal”.