O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se insta á Xunta a elaborar un Plan galego de prevención do cancro de pulmón no que se empreguen métodos innovadores de detección para facer deste programa unha iniciativa pioneira a nivel estatal. “Este tipo de cancro é o terceiro en frecuencia, detectándose cada ano arredor de 30.000 novos casos en toda España, pero se sitúa como a primeira causa de morte por cancro, estimándose que está detrás de máis de 22.000 falecementos cada ano”, explicou a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo.
Na súa intervención, a deputada popular salientou que “os programas de cribado de enfermidades oncolóxicas teñen sido un sinal de identidade do sistema público de Galicia e, ademais, obxecto dun amplo acordo político”. Neste sentido, apuntou que “desde hai anos a Xunta traballa na realización de cribados de distintas patoloxías coa finalidade de detectar de maneira precoz as enfermidades que afecten á poboación galega”.
En concreto, lembrou que o Sergas puxo en marcha en 1992 o primeiro cribado de cancro de mama, que se foi estendendo nos anos seguintes ata acadar a toda a poboación diana; en 2013 comezou co cribado colorrectal, que se estendeu ata acadar a súa implantación completa no 2019; e o cribado de cancro de cervix, que se implantou como proxecto piloto na área de Lugo, A Mariña e Monforte durante a pasada lexislatura e durante a presente está previsto a súa extensión a todo o territorio galego.
“O diagnóstico temperá do cancro é clave para que este poida tratarse e curarse canto antes”, manifestou Marta Rodríguez-Vispo, que subliñou que “a Xunta é consciente disto e por iso nos seus orzamentos para 2023 se incrementa un 70 por cento a partida para cribados, fundamentalmente para afrontar a extensión a toda Galicia do cribado de cancro de cervix, que agora mesmo funciona en tres das sete áreas sanitarias”.