22 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG nin do PSdeG, a través da que se solicita que a Xunta manteña o apoio á plataforma experimental de eólica mariña prevista a 10 quilómetros do porto exterior de A Coruña como proxecto piloto para o posterior despregamento da eólica mariña en Galicia e a nivel de toda España.
Así mesmo, solicítase ao Goberno de España que axilice a aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo para poder coñecer as zonas que van estar delimitadas para a implantación de enerxías mariñas, salvagardando sempre os intereses do sector marítimo-pesqueiro e a preservación do ecosistema mariño.
O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro lembrou que “Galicia é un referente no desenvolvemento da enerxía eólica, con máis de 5.000 traballadores neste sector, que achega cerca de 500 millóns de euros ao produto interior bruto galego e 11 millóns de euros anuais adicionais en rendas aos donos dos terreos nos que están instalados os muíños”. Na actualidade, as renovables supoñen o 74,3 por cento da xeración eléctrica en Galicia, o que representa 27 puntos máis que a media de España.
OBSERVATORIO EÓLICA MARIÑA
“Un requisito indispensable para a instalación de parques eólicos é que cumpran todas as directrices que marca a lexislación vixente e no caso da eólica mariña só poderá desenvolverse dun xeito compatible coa actividade pesqueira e coa preservación dos ecosistemas mariños”, sinalou.
Neste ámbito da eólica, Balseiro recordou que, para salvagardar os intereses os intereses do sector marítimo-pesqueiro, creouse o Observatorio da Eólica Mariña como un espazo de encontro no que participan directamente o sector marítimo-pesqueiro e a industria eólica para identificar as oportunidades que ofrece esta tecnoloxía e analizar o impacto obxectivo que suporía a instalación destes parques en Galicia.
No marco deste Observatorio, e en colaboración co Porto de A Coruña e con Rede Eléctrica Española, está previsto a creación da primeira plataforma experimental de eólica mariña a 10 quilómetros do porto exterior coruñés, con 2 ou 3 aeroxeradores e unha potencia de 30 megavatios. “Será unha infraestrutura piloto para achegar coñecemento directo sobre esta tecnoloxía e para avaliar o impacto da mesma no medio ambiente e na biodiversidade”, apuntou o deputado popular.
“Porén, para avanzar neste proxecto e no resto das iniciativas que poidan xurdir no futuro no eido da eólica mariña, é necesario que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra o seu compromiso e aprobe os plans de ordenación do espazo marítimo, isto é, a folla de ruta que delimitará cales son as zonas permitidas para o desenvolvemento desta tecnoloxía”, concretou.