22 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita incluír a síndrome coronaria aguda, primeira causa de morte entre as enfermidades cardiovasculares, na axenda de prioridades sanitarias da Xunta de Galicia, impulsando as ferramentas e os mecanismos necesarios de xestión que garantan a posta en marcha dunha e-interconsulta entre o médico de atención primaria e o Servizo de Cardioloxía, con resposta rápida; e fixar consulta presencial de alta resolución con prioridade nos pacientes que se considere necesaria consulta presencial tras a e-interconsulta.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, explicou que “a insuficiencia cardíaca aguda é a principal causa de hospitalización das persoas maiores e o principal determinante dos enormes custos sanitarios asociados á insuficiencia cardíaca”.
EMERXENCIA MÉDICA
“O infarto agudo de miocardio é unha emerxencia médica, polo que demanda atención inmediata”, sinalou, para apuntar que “o diagnóstico precoz é fundamental en todas as patoloxías, pero no caso do infarto agudo de miocardio o tempo é o que marca de maneira decisiva a supervivencia do paciente”.
Encarna Amigo manifestou que “a prevención primaria da insuficiencia cardíaca aguda céntrase, principalmente, na prevención, diagnóstico precoz e tratamento de factores de risco cardiovascular e enfermidades cardíacas, incluída a enfermidade coronaria, mentres que a prevención secundaria para evitar novos episodios de descompensación require a optimización do tratamento da insuficiencia cardíaca, a educación sanitaria do paciente e o desenvolvemento dun plan de transición e seguimento efectivo”.