26 de decembro de 2022. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixo esta mañá balance da actividade no Parlamento de Galicia ao longo de 2022, “que viu marcada pola normalidade política, a pesar de que, por primeira vez, tivemos que facer o relevo na Presidencia da Xunta a metade de lexislatura”. “Dimos exemplo de coherencia, estabilidade e cumprimento estrito das regras nunha operación tan transcendente”, salientou. Así mesmo, destacou a aprobación dos orzamentos máis altos da historia de Galicia, así como de novas leis para o desenvolvemento industrial e a incorporación de profesionais á sanidade pública galega.
Pedro Puy, que compareceu ante os medios acompañado dos viceportavoces populares Paula Prado, Alberto Pazos e Marta Nóvoa, comezou lamentado o accidente do autobús ocorrido na noite do pasado sábado en Cerdedo-Cotobade, que motivou a morte de sete persoas. “Trasladamos o noso máis sentido pésame as familias e amigos dos falecidos, ao tempo que avogamos pola pronta recuperación tanto do condutor como da pasaxeira que lograron sobrevivir a este terrible accidente”, apuntou.
O portavoz popular salientou que “o que marcou os últimos meses de actividade parlamentaria en Galicia foi o relevo á fronte da Presidencia da Xunta, a primeira vez que se produce un feito deste tipo na Comunidade galega”. “É unha operación que require de moita responsabilidade e que podería ter aberto fendas tanto no PPdeG como no Grupo Parlamentario e na propia sociedade galega, pero coa que dimos unha lección de coherencia e estabilidade tanto coa continuidade política como económica en Galicia”, engadiu.
Unha segunda cuestión que destacou o portavoz popular na actividade do Parlamento galego nestes últimos meses foi a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2023, que incrementan en 1.000 millóns de euros os de 2022. Puy lembrou que se trata dunhas contas centradas no ámbito social, xa que máis de 9.300 millóns de euros destinaranse a sanidade, educación, política social e emprego; ao tempo que se destinarán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos e se continuarán coas rebaixas fiscais nos impostos sobre a renda, sucesións, doazóns e patrimonio.
“Ao longo destes meses mantivemos unha estabilidade política e económica que permitiu desenvolver unha importante actividade lexislativa, coa aprobación de sete novos textos lexislativos”, sinalou Pedro Puy. Ademais das leis de orzamentos e de medidas fiscais e administrativas, o portavoz popular salientou a aprobación das novas leis de áreas empresariais, para fomentar a instalación e o mantemento de industrias en Galicia; e de medidas para a provisión de postos de difícil cobertura na sanidade pública galega, particularmente na atención primaria.
Polo que respecto á actividade parlamentaria, destacou que o Parlamento galego segue a ser, xunto á Cámara catalá, a que máis tempo emprega en debater. “Estamos de media reunidos case dúas horas e media diarias”, indicou.
Así mesmo, dixo que se levan aprobados nesta lexislatura 26 novos textos lexislativos, dos que 19 eran proxectos de lei e os outros 7 proposicións de lei. Puy indicou que “neste momento xa estamos por enriba das 24 novas leis que se aprobaron en toda a pasada lexislatura”.
ACTIVIDADE EN PLENO E COMISIÓN
Sobre a actividade en Pleno, debatéronse 1.065 iniciativas parlamentarias, das que o 62,2 por cento foron de control ao Goberno galego e as outras 37,8 por cento de impulso. Máis do 76 por cento destas iniciativas realizadas nas 61 sesións plenarias celebradas ata o momento nesta lexislatura foron a proposta dos grupos da oposición. Así mesmo, lévanse aprobadas 137 proposicións non de lei, das que case a metade (48,2 por cento) foron por unanimidade.
Dentro da actividade en comisións parlamentarias, aprobáronse 424 proposicións non de lei, das que 285 foron por unanimidade (67,3%), e se substanciaron 1.126 iniciativas de control: 142 comparecencias de membros do Goberno galego e 984 respostas orais a preguntas dos grupos parlamentarios.
Por último, as contas de twitter e Facebook do Grupo Popular tiveron no último período de sesións cerca de 230.000 visualizacións, logo de facer case 2.000 novas publicacións referidas á actividade dos seus deputados.