17 de xaneiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición no de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central unha axuda directa de máis de 700 millóns de euros para a industria da automoción galega, o que equivale ao peso deste sector galego no conxunto de España.
“Parécenos unha inxustiza, discriminatorio e intolerable que o Goberno de Pedro Sánchez conceda a dedo axudas directas de maneira discrecional a outras comunidades autónomas sen ter en conta a potencialidade do sector do automóbil en Galicia”, sinalou o deputado popular Moisés Rodríguez.
Na súa intervención, Rodríguez lembrou que “a automoción xoga un papel estratéxico na economía de Galicia, en especial na comarca de Vigo, cunha facturación que ascendeu a 11.200 millóns de euros en 2021, o que supón un 13,7 por cento do emprego industrial na Comunidade galega”. “Lideramos, un ano máis, a clasificación nacional, a pesar dos atrancos, impedimentos e falta de axuda do Goberno central”, sinalou.
2.200 MILLÓNS SEN ADXUDICAR
Moisés Rodríguez explicou que “o fracaso do PERTE do vehículo eléctrico conectado deixou arredor de 2.200 millóns de euros sen adxudicar tras a terceira resolución da convocatoria, ao que o Goberno central respondeu, tentando calmar os ánimos, co compromiso de sacar outra convocatoria de axudas”.
“Todo isto sucede mentres Stellantis segue sen poder optar a fondos europeos Next Generation para poder financiar o desenvolvemento das súas plataformas de vehículo eléctrico, a pesar de que o propio Goberno de Pedro Sánchez se comprometeu a realizar unha nova convocatoria do PERTE”, manifestou.
Diante desta situación, o deputado popular alertou de que “o risco de deslocalización de Stellantis é real, e tanto o seu futuro como o do ecosistema que conforman máis de 200 empresas da área de Vigo pende dun fío”. “Difícil explicación ten que, sendo a fábrica automobilística de maior produción de coches de España, sexa ao mesmo tempo a que recibe menor asignación de fondos económicos por parte do Goberno central”, apuntou.
Para rematar, Moisés Rodríguez criticou que o secretario xeral dos socialistas galegos, “en lugar de esixirlle a Pedro Sánchez que faga os deberes con Stellantis, reclame axudas á Xunta”, ao que engadiu que “nun momento como o actual, fortemente marcado pola falta de microchips e os problemas de loxística, o que menos precisamos é a inestabilidade que xera o actual Goberno de España”.