3 de febreiro de 2023. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, pediu hoxe no Parlamento galego ao BNG que “deixe de crear confusión, alarma social e crispación tratando de impedir que Galicia leve a cabo un desenvolvemento eólico ordenado e compatible co medio ambiente”.
Neste sentido, contrapuxo a postura que adoitan os nacionalistas galegos en Galicia co seu apoio no Congreso ao Real Decreto-Lei “polo que os proxectos de parques eólicos de maior potencia e de competencia estatal deixan de estar sometidos a calquera tipo de avaliación ambiental”.
Marisol Díaz lamentou que o BNG “deu o seu consentimento o pasado mes de decembro a que os procedementos de tramitación express dos proxectos se puidesen estender aos parques eólicos de maior potencia”. “Este decreto desmantela de modo temporal o armazón xurídico-normativo que representa a avaliación ambiental, eliminando unha ferramenta de salvagarda para que os proxectos de enerxías renovables se aproben cunhas mínimas garantías de protección e sustentabilidade”, apuntou.
‘AUTORIZACIÓN EXPRESS’ ESTATAL
“A través dese decreto creouse un novo procedemento de ‘autorización express’, un erro que, en lugar de se rectificar, xeneralizouse a todos os proxectos de renovables, con independencia do seu tamaño”, explicou a deputada popular.
En contraposición, Díaz Mouteira destacou que “en Galicia existe un plan que define claramente as áreas de desenvolvemento eólico” e asegurou que “todos os parques eólicos de competencia autonómica tramitados son sometidos á avaliación de impacto ambiental ordinaria, polo que en ningún caso poden facerse acusacións de fraccionamento”.
“En definitiva, fronte á improvisación do Goberno central e as incertezas que xera, temos á Xunta que traballa na procura dun desenvolvemento eólico planificado e ordenado, en equilibrio coa protección ambiental e achegando seguridade xurídica”, manifestou.
Para rematar, Marisol Díaz demandou ao BNG que “sexan respectuosos coa verdade” e subliñou que “en Galicia está prohibido implantar eólicos na Rede Natura, non así na normativa estatal”. “Van ter que dar moitas explicacións á súa campaña permanente do non é non a unha enerxía renovable e limpa como é a eólica, da que hoxe dependen máis de 5.000 empregos e achega arredor de 500 millóns de euros ao PIB galego”, dixo.