7 de febreiro de 2023. O portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Adrián Pardo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego a mellora do grao de emancipación da mocidade galega vivida nos últimos anos, situándose no primeiro posto a nivel estatal entre o grupo de 25 a 29 anos.
Tomando os datos publicados polo Observatorio de Emancipación do Consello da Xuventude de España, Adrián Pardo afirmou que o acceso dunha persoa nova a compra ou alugueiro dunha vivenda libre en Galicia é dos máis reducidos de España, ao tempo que a Comunidade galega está por baixo da media española tanto no esforzo para o acceso á vivenda en propiedade como en alugueiro para os menores de 34 anos.
EVOLUCIÓN
“Outros datos que reflicten a mellora nestes últimos anos é que no ano 2022 emancipáronse o 35,1 por cento dos mozos de entre 25 e 29 anos, fronte ao 33,2 por cento que o fixeran en 2008; así como o 69,6 por cento dos mozos deixaron o fogar familiar o pasado ano, mentres que hai 15 anos eran o 63,7 por cento”, apuntou.
Adrián Pardo lembrou que a Xunta dedicará este ano máis de 28 millóns de euros en axudas para o alugueiro de vivenda, “a cifra máis alta da historia da comunidade, que se suman a outras axudas específicas para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes ou en centros históricos, así como o aval do 20 por cento do préstamo hipotecario para os menores de 35 anos que non dispoñan de aforros para o primeiro pago da vivenda”.