8 de febreiro de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do BNG e do PSdeG, a través da que se pide o cese inmediato da ministra de Igualdade e da secretaria de Estado de Igualdade polas irresponsables e indignas declaracións efectuadas sobre as rebaixas de penas e a excarceración de agresores sexuais beneficiados pola Lei do só si é si, así como pola súa obcecada inacción lexislativa para protexer ás mulleres.
Así mesmo, apóiase a tramitación urxente nas Cortes Xerais da proposición de lei de modificación do Código Penal no relativo aos delitos de agresións sexuais, promovida polo Grupo Popular, para que quen cometa delitos sexuais poida ter, canto antes, as mesmas penas que estaban en vigor ata setembro de 2022 e que se viron rebaixadas coa actual lexislación.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou que, co seu voto en contra, BNG e PSdeG “son cómplices das risas e dos chascarrillos sobre o goteo de agresores sexuais beneficiados pola aplicación da Lei do só si é si”, unha norma “chapuceira que rebaixa a pena aos agresores sexuais provocando un retroceso sen precedentes na defensa dos dereitos das mulleres”.
Prado lembrou que o Consello Xeral do Poder Xudicial “xa advertiu en febreiro de 2021 sobre a Lei do só si é si que a súa aprobación provocaría a revisión á baixa daquelas condenas nas que se tiveran imposto penas máximas conforme á regulación anterior, unha advertencia que tamén se fixo desde o Partido Popular durante a tramitación deste texto lexislativo nas Cortes Xerais”.
“Esta lei naceu do sectarismo ideolóxico de Podemos e do PSOE, a de todos os partidos que a defenderon antes, durante e despois da súa tramitación, como o BNG, submiso ao partido socialista co que goberna sempre que pode en concellos e deputacións”, indicou.
DANO IRREPARABLE
Así mesmo, engadiu que “aprobouse a lei e as nefastas consecuencias que prevíamos tristemente se fixeron realidade, mentres o Goberno de Pedro Sánchez pasou da negación á parálise”. “O dano xa está feito e a dor das vítimas é xa irreparable, e seguirá sendo así porque o cambio na Lei que agora propón o PSOE non vai supoñer un cambio nas rebaixas de penas dos delitos xa cometidos”, sinalou.
“Esiximos que lle pidan perdón ás vítimas, perdón polo dano feito e perdón por rirse do dano feito”, demandou Paula Prado, quen avanzou que “mentres non vexamos publicada no BOE a modificación da Lei nin calaremos nin deixaremos de denunciar a súa incompetencia e obcecación por manter vixente unha lei” que, segundo o CXPX poderá beneficiar a 1.000 agresores sexuais coa redución das súas condenas.
Para rematar, a viceportavoz popular manifestou que “a loita contra a violencia de xénero debe estar sempre por enriba de postulados políticos e ideolóxicos, porque, desgraciadamente, estamos a ver día tras día as consecuencias de cando se fai xustamente o contrario”. “No Partido Popular estivemos sempre ao carón das vítimas, defendendo os dereitos das mulleres, cun feminismo real e non artificial, mentres a oposición practica un feminismo de todo a cen”, dixo.