10 de febreiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que, durante a Presidencia de España da Unión Europea no segundo semestre de 2023, a próxima repartición de totais admisibles de capturas (TAC) e de cotas se realice de xeito plurianual.
“Esta medida permitiría dar máis estabilidade ao sector pesqueiro e que as empresas que apostasen por esta actividade teñan un marco temporal máis amplo e maior capacidade para planificala”, sinalou a portavoz popular do Mar, Teresa Egerique.
España, Francia e Portugal expuxeron no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que tivo lugar no mes de decembro a necesidade de que comecen a fixarse as posibilidades de pesca con carácter plurianual. “Os países pesqueiros do sur de Europa pretenden que a partir de 2024 se fixen os TAC e as cotas como mínimo para tres exercicios, o que daría maior estabilidade ao sector pesqueiro sen perder de vista o rendemento máximo sostible”, sinalou Egerique.
EMPEZAR POLO FÁCIL
“A proposta que se fai é empezar polo fácil, fixando cotas plurianuais para os stocks non compartidos e que xa se exploten a niveis de rendemento máximo sostible”, apuntou a portavoz popular, que manifestou que “ese sería un primeiro paso para dar previsibilidade aos pescadores que axudaría, ademais, a mellorar a soberanía alimentaria da Unión Europea”. Esta explotación plurianual incluiría unha maior flexibilidade da especie incluiría unha maior flexibilidade interanual da especie, de forma que a cota non utilizada pasaría íntegra ao ano seguinte, non só o 10 por cento como na xestión tradicional.
Esta proposta de reparto plurianual das cotas pesqueiras coincide co que defende a Xunta, tal e como se recolle no ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca de cara á revisión da Política Pesqueira Común. Neste documento Galicia propón cinco grandes eixos para un futuro da pesca sostible: unha política pesqueira común social e de futuro; un comercio pesqueiro xusto; unha pesca sustentable e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático; e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.