A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia afirmou hoxe, nunha entrevista no Bos Días da Televisión de Galicia, que a formación “non renuncia a nada” a 100 días das próximas eleccións municipais: “A tendencia do PP é á alza e, segundo as enquisas, somos o único partido que sube nas cidades. É unha tendencia imparable porque a xente confía no proxecto serio, solvente e responsable que lle ofrecemos”.
“A única forma de que isto se materialice en alcaldías é que a xente nos vote maioritariamente. Precisamos maiorías absolutas porque ao PP non lle basta con gañar as eleccións”, engadiu. Paula Prado recordou que “o 28 de maio votar ao PSOE tamén e votar a Pedro Sánchez e referendar as súas políticas”, por iso animou “a toda a xente que está moi cansa do Goberno de Sánchez e das súas liortas internas, de que non resolvan os problemas e da súa falta de preocupación pola economía do país” a votar “responsablemente” nos comicios municipais.
Sobre a situación dos partidos da oposición, a número dous dos populares galegos afeou ao PSdeG “estar máis preocupado por resolver as súas liortas internas que por solucionar os problemas da cidadanía” e mostrouse convencida de que “os galegos non queren o nacionalismo radical que representa o BNG”.
Paula Prado mostrouse moi crítica coa “politización” da cuestión sanitaria por parte da oposición, remarcando que o contexto actual de falta de médicos non se dá só en Galicia, senón en toda España: “A única solución é que Pedro Sánchez facilite a posibilidade de formar máis médicos MIR para poder contar con máis profesionais no sistema sanitario público galego”.
“Non parece razoable que PSdeG e BNG se manifesten contra Xunta, afirmando que hai recortes e privatizacións cando iso é absolutamente falso e sen embargo sexan incapaces de reclamar a Pedro Sánchez que nos facilite ter máis médicos de familia ou a creación da especialidade de Urxencias”, engadiu.
Sobre a Lei do ‘só si é si’, a secretaria xeral do PPdeG apuntou que desde o primeiro momento “o Goberno puxo a súa soberbia e a súa ideoloxía por riba dos intereses e dos dereitos das mulleres”, ao ter avanzado na tramitación desta lei facendo “caso omiso” ás advertencias dos informes xudiciais e do propio PP. “En canto a lei entrou en vigor, víronse as súas consecuencias ao empezar a rebaixarse penas e a liberar a agresores sexuais. Pedimos que se rectificase e o único que fixeron foi buscar culpables e botar a culpa aos xuíces, permitindo coa súa inacción que a día de hoxe haxa máis de 500 agresores sexuais con penas rebaixadas e máis agresores sexuais na rúa que antes”, explicou.
“O PSOE só se mostrou disposto a rectificar cando viu que isto se estaba convertendo nun problema electoral e non porque lles preocupen as mulleres e as vítimas de agresión sexual”, remarcou Paula Prado ao tempo que demandou o perdón de Pedro Sánchez ante “o maior retroceso na defensa dos dereitos das mulleres na historia do feminismo”.
A número dous dos populares galegos referiuse tamén a situación de suba de prezos xeneralizada, culpando ao Goberno de España de “estar máis centrado en buscar culpables e de botar a culpa a outros que en adoptar medidas efectivas” e reiterando a demanda de baixar o IVE tamén á carne, ao peixe e ás conservas. “Os políticos estamos para resolver os problemas da xente, non para darlle aínda máis problemas. E o que ten que facer o Goberno de España nestes momentos é tomar medidas estruturais e non seguir con parches puntuais e botando a culpa a quen non a ten”, concluíu ao respecto.
Sobre a sentenza de Ence, Paula Prado considera que foi a demostración de que “é posible ter industria na costa con todas as garantías medioambientais” e mostrouse moi crítica coa postura dos nacionalistas sobre este asunto: “O BNG di á mañá que non quere eólicos, logo ao mediodía que quere a Ence fóra da ría e á noite esixe medidas para a industrialización de Galicia. A industria hai que instalala nalgún sitio e, se fose polo BNG, en Galicia non teríamos ningún tipo de industria”.