17 de febreiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se pide ao Goberno central que asuma as súas competencias e acometa os cambios normativos urxentes e necesarios que poñan freo á ocupación ilegal de vivendas.
“É necesario garantir un novo marco xurídico no que as consecuencias sexan acordes á gravidade do problema, ao tempo que se protexe a propiedade privada outorgando seguridade xurídica aos propietarios”, sinalou a deputada popular Begoña Freire.
En concreto, a proposición non de lei aprobada na Comisión de Ordenación Territorial solicita ao Goberno do Estado modificar o Código Penal, para endurecer as penas en caso de ocupación de vivendas ou inmobles; incluír novas medidas na Lei de axuizamento criminal, para mellorar a protección das persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarias dunha vivenda ou inmoble co obxectivo de recuperala, ademais de proceder ao desaloxo da vivenda ocupada en 24 horas; modificar a Lei de propiedade horizontal, para habilitar ás comunidades de propietarios como persoas xurídicas para que poidan iniciar os procesos de recuperación da vivenda; e cambiar a Lei de bases de réxime local, para que se evite a inscrición no padrón municipal dun ocupante ilegal.
“A un okupa non se lle desafiuza, desalóxase; e ao vulnerable protéxeselle, sen que o Estado traslade á cidadanía as súas propias responsabilidades en ningún destes dous casos”, manifestou a deputada popular.
Begoña Freire lembrou que o fenómeno da okupación ilegal “foi en aumento nos últimos anos, converténdose nun problema xeneralizado en todo o territorio nacional”. Segundo os datos facilitados pola Delegación do Goberno, entre xaneiro e xullo de 2022 se ocuparon en Galicia unha vivenda cada dous días. Estes datos revelan unha escalada de casos respecto a anos anteriores, pasando de 169 okupacións en 2020 a 195 en 2021 e só ata o mes de outubro de 2022 xa se rexistraran 177 okupacións.
INDEFENSIÓN
“Estamos diante dun problema serio e de gran transcendencia social, que lonxe de desaparecer increméntase ano a ano, e ante o que o Goberno central non está dando resposta, porque non existe vontade política de dar solucións”, dixo a deputada popular. Así mesmo, criticou que “a falta de solucións legais ante un fenómeno que non só afecta a vivendas baleiras ou de segunda residencia, senón tamén ás que constitúen pisos que son residencia habitual, coloca aos titulares dos inmobles nunha situación de verdadeira indefensión”.
Begoña Freire lamentou que “mentres o fenómeno prolifera, o Goberno central lávase as mans e bota balóns fora para seguir de brazos cruzados, impasible ante o clamor cidadá que reclama cambios lexislativos”. Así mesmo, asegurou que “as medidas legais existentes son insuficientes para combater esta forma de delincuencia e salvagardar a propiedade ou a posesión lexítima e pacífica”, polo que incidiu que “o ordenamento xurídico debe ser adaptado e mellorado para permitir unha protección efectiva dos titulares de dereitos e protexer a convivencia veciñal pacífica e respectuosa, en aras da seguridade das persoas e as cousas”.