17 de febreiro de 2023. Os viceportavoces do Grupo Popular Paula Prado e Alberto Pazos reuníronse onte cos representantes do Colexio de Letrados da Administración de Xustiza e da Unión Progresista de Letrados da Administración de Xustiza para trasladarlles o apoio ás súas reivindicacións e demandar ao Ministerio que cumpra o acordo asinado en abril de 2022 coas asociacións profesionais para adecuar os salarios ás funcións encomendadas, a convocatoria de oposicións a letrados da Administración de Xustiza e a elaboración dun novo estatuto profesional.
Os letrados da Administración de Xustiza levan en folga desde o pasado 24 de xaneiro, data desde a que xa se teñen paralizado en só catro semanas máis de 6.000 xuízos e arredor de 300.000 expedientes xudiciais só en Galicia, “causando un grave trastorno tanto para os cidadáns que precisan deste servizo como para avogados, procuradores ou graduados sociais que dependen do correcto funcionamento da Administración de Xustiza”.
INOPERATIVIDADE DO GOBERNO CENTRAL
“Lamentamos que o Ministerio de Xustiza non aproveitara a reunión celebrada onte para dar un paso adiante e escoitar e adoptar as medidas oportunas para atender as demandas dos letrados da Administración de Xustiza, de xeito que se poida volver a normalidade o máis pronto posible”, sinalou Paula Prado.
Neste sentido, demandou que, “unha vez se desconvoque a folga, o Ministerio poña en marcha un plan para a recuperación de todo o traballo atrasado nestes días, que sexa eficaz pero que non derive o custo destas medidas nas comunidades autónomas, que xa están a padecer esta inoperatividade do Goberno de Pedro Sánchez para buscar solucións aos problemas que se lle presentan”.
Por último, Paula Prado amosou aos representantes dos letrados da Administración de Xustiza a proposición non de lei que o Grupo Popular ten rexistrada no Parlamento de Galicia, a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza que cumpra o acordo asinado o pasado mes de abril coas asociacións profesionais: adecuar os salarios deste colectivo ao aumento das funcións encomendadas desde hai anos; que se convoque ás asociacións para elaborar as propostas de modificacións salariais; que se anuncien oposicións a letrados da Administración de Xustiza; e que se elabore un novo estatuto profesional.