3 de febreiro de 2023. O vicesecretario de Organización do Partido Popular aspira a que Miguel Lorenzo consiga “sacar á Coruña da irrelevancia política na que a sumiron Inés Rey e antes Xulio Ferreiro”, a quen considera dúas caras da mesma moeda: “Non gañando as eleccións apoiáronse mutuamente para conformar goberno e desgobernar esta cidade”.
“Queremos ofrecerlle á Coruña un proxecto de cidade e de futuro onde haxa oportunidades laborais, máis seguridade, máis limpeza e onde non haxa coruñeses de primeira e de segunda en función do barrio no que vivan”, engadiu Miguel Tellado durante a súa visita á cidade herculina acompañado do candidato á alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo, e da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
Mostrouse convencido de que Miguel Lorenzo “será o próximo alcalde da Coruña”, xa que “coñece a cidade mellor que ninguén e ten sobre a súa mesa un proxecto para crear unha cidade con futuro e para todos”.
“O noso obxectivo non é só gañar as eleccións na Coruña, senón darlle á cidade un goberno forte e solvente que só pode vir dun líder que pense nos seus veciños e non no seu futuro persoal, como é Miguel Lorenzo”, remarcou.
O responsable de Organización dos populares non dubidou en reivindicar á súa formación como “alternativa real de Goberno nos concellos e no conxunto de España”, xa que “España non pode soportar moito máis tempo cun presidente como Pedro Sánchez”.
“Pedro Sánchez vive instalado nun falso triunfalismo mentres os españois enfróntanse ao incremento do prezo da vivenda, a unha factura eléctrica disparada e a unha inflación que se está comendo os salarios e os aforros das familias”, afirmou Miguel Tellado pediu ao Executivo que “non insulte a intelixencia dos españois e rectifique dos seus propios erros”, referíndose acto seguido á Lei do só si é si: “En Galicia 46 agresores sexuais víronse beneficiados cunha redución de pena pola incompetencia, a torpeza e a soberbia do Goberno de Sánchez”.
“Pedimos que se asuman responsabilidades políticas de inmediato e que arranxen canto antes esta chapuza pola cal hoxe hai en España máis de 500 agresores sexuais con penas reducidas e máis de 40 de volta na rúa”, concluíu.
MIGUEL LORENZO: “TEMOS UN GRAN PROXECTO PARA A CORUÑA”
O candidato popular á alcaldía da capital herculina indicou que o seu obxectivo é “lograr o cambio primeiro na Coruña e despois a nivel nacional” da man dun proxecto para “converter a cidade nun referente de benestar, limpeza, seguridade, oportunidades e emprego”.
Asegurou Miguel Lorenzo que a súa chegada a María Pita será “o paso previo” a que Alberto Núñez Feijóo goberne en Madrid: “Lograrémolo porque temos un gran proxecto para A Coruña e para España e tamén porque a nosa cidade necesita a Feijóo na Moncloa para que os investimentos históricos pendentes sexan unha realidade”.
“Tras as visitas de Pedro Sánchez e de tres dos seus ministros á cidade nos últimos meses, o único que temos son insultos a Feijóo e seguimos sen ter noticias da Cuarta Rolda, de Alfonso Molina, da Pasaxe, da chegada dos trens Avril, das obras estatais da intermodal, da condenación da débeda do porto ou de melloras en Alvedro”, explicou antes de avisar de que as recentes dimisións na cúpula do Ministerio de Transportes “poderían atrasar aínda máis” estas cuestións.