2 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a seguir intensificando o coñecemento do traballo que está realizar a Fundación Galicia Europa para defender os intereses da sociedade galega e dos seus principais sectores produtivos.
O deputado popular Moisés Rodríguez manifestou que “Europa cada vez é máis necesaria e por iso é de vital importancia estar presentes onde se toman decisións que nos afectan directamente a todos”. “A Fundación Galicia Europa está máis viva e é máis necesaria que nunca, e para este ano 2023 ten un plan de actuacións onde se analiza a axenda europea desde o punto de vista autonómico e se valora a posición galega en asuntos tan importantes como o pacto verde, a transición xusta, a crise da enerxía, a avaliación da política pesqueira común ou a execución dos fondos europeos”, indicou.
A Fundación Galicia Europa naceu en 1988 coa misión de manter unha oficina galega en Bruxelas e promover o achegamento entre Galicia e Europa. En concreto, ten catro ámbitos principais de actuación: a defensa dos intereses de Galicia ante a Unión Europea, a promoción da participación galega en proxectos europeos, facilitar información sobre a Unión Europea na Comunidade galega e impulsar a formación e a sensibilización sobre Europa en Galicia