7 de marzo de 2023. O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro incidiu hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a lingua é de toda Galicia, unha riqueza que temos todos os galegos, un motivo de orgullo que entre todos debemos coidar e potenciar”.
“Fronte ás constantes críticas e o afán de acaparar a defensa do galego do BNG, desde o PPdeG cremos que a cidadanía está a entender que o Goberno galego traballa para adaptarse aos novos tempos e para crear actitudes positivas cara ao galego”, manifestou.
José Luís Ferro afirmou que “apoiamos a política lingüística da Xunta porque afronta a defensa da lingua galega traballando en positivo, cun enfoque integral para avanzar no ensino, na cultura, no mundo dixital, no eido familiar, no ámbito socioeconómico, no deporte e, sobre todo, na mocidade”. “A Xunta traballa pola convivencia lingüística e por lograr que os cidadáns vexan a utilidade das nosas dúas linguas cooficiais, promovendo e fomentando que se coñezan e que se usen plenamente en liberdade”, dixo.
VONTADE REAL DE CONSENSO
O deputado popular criticou que o BNG “están negando desde 2010 calquera posibilidade de entendemento porque pensan que o galego se defende como din os nacionalistas ou directamente non se defende”. Así, considerou que “non resulta doado crer que o BNG teña unha vontade real de consenso no ámbito lingüístico porque leva anos negando a lexitimidade do Goberno do PPdeG”.
“Para defender a nosa lingua fai falta unha política lingüística integral e en positivo, como está a facer a Xunta de Galicia na actualidade, respectando tamén o marco normativo acordado por consenso e que o BNG quere modificar ao seu gusto”, explicou Ferro.
Deste xeito, lembrou que o marco da política lingüística en Galicia vén definido pola Constitución; o Estatuto de Autonomía; a Lei de normalización lingüística, que este ano cumpre 40 anos; e o Plan de normalización da lingua galega. “Baixo este marco, en Galicia non caben os monolingüismos nin as políticas que acaban coa convivencia cordial e harmónica”, subliñou.