7 de marzo de 2023. A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe que o BNG “estean máis polos vetos que polos acordos en materia sanitaria, e por facer da sanidade o seu xogo partidista e electoralista, pero sen achegar solucións como está a facer o Goberno galego”.
Encarna Amigo referiuse aos datos do Ministerio de Sanidade para salientar que Galicia é a cuarta comunidade con menor taxa de pacientes que agardan máis de seis meses por unha operación, un 6 por cento por baixo da media nacional, que se sitúa no 17 por cento.
Así mesmo, lembrou que o tempo medio de espera para primeiras consultas é de 55 días en Galicia, por baixo dos 79 días de espera media a nivel estatal; ao tempo que Galicia é a cuarta comunidade co mellor dato en espera cirúrxica: 75 días, fronte aos 113 da media española.
DESCENSO DOS CONCERTOS SANITARIOS
“Galicia conseguiu que as patoloxías de prioridade 1, as máis graves, apenas se visen afectadas polo impacto da pandemia na actividade hospitalaria: 19 días de espera media, moi por baixo dos 40 que deixara o Goberno bipartito no ano 2009”, subliñou.
Respecto dos concertos sanitarios, Encarna Amigo citou o informe do Consello de Contas sobre a conta xeral do Sergas de 2008, no que se recollía que o gasto en actividade concertada se incrementara un 48 por cento. “Unha porcentaxe que co Goberno do PPdeG descendeu ata o 4,4 por cento, como tamén o certifican os informes do Consello de Contas”, indicou.
“E se falamos do que denominan como derivación a centros concertados para actividade cirúrxica e probas, resulta que a porcentaxe de orzamento do Sergas que se destinou en 2021 a este concepto foi dun 1,37 por cento, un dato que contrasta co máis do 4 por cento que se destinaba en 2008 no Goberno bipartito”, dixo para rematar