9 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a mellorar a dotación de ecógrafos intelixentes en atención primaria, definindo ademais uns protocolos para o seu uso e un plan de formación para o persoal.
A incorporación destes instrumentos “contribuirá a resolver na propia atención primaria moitas das consultas que ata o momento se teñen que derivar aos servizos hospitalarios, achegando o nivel máximo da atención sanitaria ao propio domicilio do paciente”, manifestou a portavoz de Sanidade, Encarna Amigo.
O novo modelo asistencial e organizativo que se está implantando na atención primaria do Servizo Galego de Saúde ten como un dos seus obxectivos o aumento da capacidade de resolución nos centros de saúde de Galicia. Para iso estanse reforzando o desempeño profesional de todas as categorías profesionais mediante o desenvolvemento máximo das súas funcións ao límite superior das súas competencias.
GRAN VALOR DIAGNÓSTICO
“Existe consenso entre os profesionais en que a ecografía é unha ferramenta de gran valor diagnóstico por ser inocua e dar unhas imaxes anatómicas moi específicas, a maiores de que pode realizarse ambulatoriamente e mesmo nos domicilios de pacientes inmobilizados”, explicou Encarna Amigo.
Por este motivo, considerou “necesario estender a dotación destes novos ecógrafos con intelixencia artificial a todos os servizos de atención primaria de Galicia”.
A portavoz de Sanidade manifestou que “unha das cuestións transversais que facilitarán a implantación da ecografía intelixente na atención primaria do Sergas é a actual historia clínica electrónica, desde o centro de saúde máis pequeno ata o hospital máis vangardista”. Neste momento, esta ferramenta tecnolóxica, de desenvolvemento pioneiro en toda España, xa permite integrar as imaxes e información obtidas durante o proceso de realización da ecografía guiada con intelixencia artificial desde calquera centro de saúde de Galicia.
Para rematar, Encarna Amigo dixo que o reforzo da ecografía en atención primaria coa incorporación de ecógrafos intelixentes “requirirá dunha formación específica a todo o persoal sanitario que realiza dita técnica, co obxectivo de que todas as categorías profesionais deste ámbito sanitario traballen ao límite superior das súas competencias para que isto contribúa a aumentar a capacidade resolutiva da atención primaria no seu conxunto”.